Nova: Preestrea da serie galego-portugesa Vidago Palace

28/03/2017
Preestrea da serie galego-portugesa Vidago Palace
A compañía galega Portocabo e a portuguesa Hop Filmes promoven este traballo conxunto, impulsado a raíz da participación de ambas no I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia
A TVG e a RTP estrean mañá e o xoves esta miniserie, rodada en localizacións e con equipos de ambos os dous países
Santiago, 28 de marzo de 2017.- Santiago de Compostela acolleu a preestrea da miniserie televisiva Vidago-Palace, coprodución da compañía galega Portocabo e a lusa HOP Filmes, en colaboración coa Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e a Rádio e Televisão de Portugal (RTP). Para a súa realización, contou cunha subvención de 238.982 euros da Consellería de Cultura e Educación a través do programa de axudas ao sector audiovisual convocado anualmente pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, asistiron a esta primeira proxección da serie, da que mañá volverá ofrecerse outro pase de preestrea en Verín. Os espectadores galegos poderán ver o primeiro episodio tamén mañá na TVG, mentres que a RTP portuguesa emitiraa a partir do xoves.
Rodada entre o famoso hotel da localidade portuguesa de Vidago e o Couto Mixo, en Galicia, a representación artística e técnica de ambos os países nesta serie é practicamente paritaria. De feito, a posta en marcha da Vidago Palace recibiu o impulso definitivo a raíz da participación de Portocabo e HOP Filmes no I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais e o Instituto do Cinema e do Audiovisual (ICA) do país veciño ao abeiro da edición de 2015 do Ourense Film Festival (Ouff).
Subvención de 2016
Este é, así mesmo, un dos 16 novos títulos apoiados pola Agadic a través da convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de 2016. Para acadar esta axuda, concedida na modalidade de longametraxes e miniseries de televisión, a proposta superou un proceso de concorrencia competitiva que tivo en conta aspectos relacionados coa súa calidade obxectiva, a súa relevancia cultural, a súa achega ao sector e á promoción do talento audiovisual galego e mesmo a súa viabilidade económica e comercial.
O portugués Enrique Oliveira foi o responsable da dirección durante a súa gravación no Vidago Palace, mentres que o galego Jorge Coira dirixiu a segunda unidade nas terras fronteirizas do Couto Mixto, en Verín.
Drama romántico durante a Guerra Civil
Coira é tamén o xefe de montaxe e coguionista –xunto co propio Olveira, Araceli Gonda e Manuel Darriba– deste drama romántico, ambientado en agosto de 1936 arredor da historia de amor entre unha aristócrata portuguesa e o fillo do conserxe galego do hotel, co estalido da Guerra Civil como pano de fondo. No reparto de 30 actores e actrices atópanse, así mesmo, os galegos David Seijo, Antonio Mourelos, Eva Fernández, David Novas, David Amor, Sheyla Fariña e José Antonio Touriñán, entre outros. Tamén figuran no equipo Ana Míguez e Alfonso Blanco na produción, Xavi Font na banda sonora e Antonio Pereira na dirección de arte.