Nova: A Xunta convoca as axudas para que as galerías de arte galegas participen en feiras e mercados nacionais e internacionais

18/05/2025

A Xunta convoca as axudas para que as galerías de arte galegas participen en feiras e mercados nacionais e internacionais

A liña de subvención, dotada con 80.000€, abrangue a asistencia a estas citas celebradas entre decembro do ano pasado e novembro deste 2025

O prazo de solicitudes está aberto ata o 23 de xuño

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2025

A Xunta de Galicia acaba de abrir a convocatoria de axudas para apoiar ás galerías de arte na súa participación en feiras e mercados fóra da Comunidade galega. Como publica o Diario Oficial de Galicia, destínase unha achega de 80.000€ para colaborar cos profesionais que estean interesados a participar neste tipo de citas celebradas entre decembro de 2024 e novembro deste ano.

A través desta liña de achegas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude amosa o seu compromiso coa promoción da arte e a súa difusión tanto no territorio galego como no exterior. Deste xeito, búscase incentivar a actividade artística das entidades que traballan no sector e que desempeñan un papel relevante na divulgación da arte contemporánea, na produción dos artistas e na dinamización económica da cultura.

Deste xeito, o obxectivo das subvencións é colaborar na proxección exterior dos artistas galegos e no apoio á dinamización comercial das galerías nas feiras e mercados de arte de todo o mundo. Así, tal e como se recolle nas bases, no caso de que a asistencia sexa a feiras celebradas en España, pero fóra de Galicia, as entidades recibirán un máximo de 4.000 euros, mentres que a axuda ascenderá ata os 8.000 euros se se trata de citas internacionais, todas elas en réxime de concorrencia non competitiva.

Solicitudes desde o 21 de maio

O prazo para presentar as solicitudes abrirase o 21 de maio e rematará o vindeiro 23 de xuño. Poderán concorrer á subvención as persoas físicas ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais de carácter privado, titulares de galerías de arte, que desenvolvan as súas actividades en Galicia, que teñan asistido e participado nunha feira ou mercado de arte fóra da Comunidade entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025.

Tamén debe estar dado de alta no Imposto de Actividades Económicas na actividade para a que se solicita a subvención, ter a inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado e acreditar a relación das persoas que vaian acudir coa empresa, mediante contrato ou declaración do titular da entidade que resulte elixida para recibir as achegas.

Na derradeira convocatoria, sete galerías galegas acadaron estas subvencións para participar en citas en Miami, Madrid, Bogotá, Londres, París ou Lisboa. Estas achegas, que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, forma parte do traballo para dar impulso aos creadores galegos que inclúe, este ano, a renovación do seu convenio con Contemporánea, a asociación de galerías de arte contemporánea de Galicia.

Comparte