Nova: A igrexa de Salcedo reabre tras sete anos pechada e grazas ao investimento da Xunta de preto de 380.000 €

11/05/2025
A igrexa de Salcedo reabre tras sete anos pechada e grazas ao investimento da Xunta de preto de 380.000 €
Os traballos de rehabilitación, financiados polo Executivo autonómico, centráronse na reparación da cuberta e do coro, con patoloxías derivadas do paso do tempo
López Campos resalta as intervencións realizadas “para a conservación dos nosos bens culturais e a súa posta en valor, tanto nas cidades como no rural”
Lembra os preto de 2,5 M€ comprometidos polo Goberno galego na cidade de Pontevedra para proxectos en Santa María, Santa Clara e na Peregrina
Pontevedra, 11 de maio de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe a igrexa parroquial de San Martiño de Salcedo, en Pontevedra, onde a Xunta finalizou unha actuación á que se destinaron 379.500€ para reabrir este monumento, despois de sete anos pechado, “na liña do compromiso que mantemos coa rehabilitación e conservación dos bens que forman parte do patrimonio cultural de Galicia”, apuntou.
Así, o representante do Goberno galego asistiu á cerimonia relixiosa presidida polo Arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, coa que se celebrou a reapertura do templo, tras ser sometido a unha intervención, centrada na reparación da cuberta e do coro, grazas á que, sinalou, “unha vez máis volvemos poñer en valor os monumentos que forman parte da nosa historia, deteriorados co paso do tempo, devolvéndoos ás súas mellores condicións para as xeracións futuras”.
Neste senso, López Campos tamén incidiu no “gran significado que ten a recuperación das igrexas, ademais de a nivel cultural, a nivel social polo que representan para a veciñanza”. Así, resaltou o compromiso do Goberno galego “coa preservación tanto dos bens patrimoniais nas cidades e das súas contornas como dos estendidos polo rural de toda Galicia”. Lembrou, deste xeito, os grandes proxectos que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten neste eido en Pontevedra como é o da restauración nas cubertas da cabeceira e na fachada principal da basílica de Santa María a Maior, cun orzamento de máis de 500.000€; as obras de conservación no santuario da Virxe da Peregrina, afectado por humidades, cunha partida de 311.000€, ou a rehabilitación do convento de Santa Clara para o que a Xunta ten comprometidos 1,5 M€.
Intervencións acometidas no templo
A igrexa de San Martiño de Salcedo, construída en 1754, presentaba diversas patoloxías atribuídas ao paso do tempo, ás condicións meteorolóxicas e a intervencións executadas na segunda metade do século XX, que provocaron o seu peche en 2018. Así, no marco deste proxecto de rehabilitación, acometeuse a renovación da cuberta substituíndo a actual por unha nova a base de tella, e impermeabilizando os encontros da mesma coas torres. Así mesmo, procedeuse a diversas accións que teñen que ver coa prevención da entrada de auga pola saída da escaleira ou para evitar o contacto do pavimento de madeira do interior coa humidade dos muros das fachadas.
Ademais, levouse a cabo a modificación das fiestras existentes para introducir ventilación permanente e colocación de carpinterías con ventilación nos pequenos ocos das torres e escaleira de subida ao coro. Tamén se eliminaron os rexuntados de morteiro de cemento, tanto das fachadas como do interior do edificio, substituíndoos por outros novos de cal tradicional. Por outro lado, foron cambiadas as estruturas de formigón e ladrillo da cuberta por unha cun deseño similar á do edificio orixinal.
A isto súmaselle a recuperación dos recheos dos riles das bóvedas, retirados inadecuadamente na última intervención do século XX, a restauración completa da estatua de San Martiño, a substitución da balaustrada e o establecemento de tirantes baixo o enlousado do coro por mor dunha progresión de movementos que pode derrubar os seus arcos e muros. A intervención rematou cunha limpeza das fachadas.