Nova: A Xunta difunde a programación do Ano Castelao en Bos Aires a través da Feira do libro e de institucións vencelladas con Galicia

02/05/2025
A Xunta difunde a programación do Ano Castelao en Bos Aires a través da Feira do libro e de institucións vencelladas con Galicia
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude realiza unha decena de actividades no expositor institucional, no Centro Galicia e no Instituto Santiago Apóstol
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa nesta proxección que inclúe relatorios, mesas redondas e unha exposición para a divulgación do seu legado
Henrique Monteagudo, Marcos Calveiro ou Miguel Anxo Seixas forman parte da delegación de autores convidados polo Goberno galego para afondar na súa figura
Estas accións forman parte da proxección exterior de homenaxe que, tras Os Estados Unidos e a capital da Arxentina, inclúen O Brasil, Alemaña ou Hungría
Bos Aires, 2 de maio de 2025
A Xunta de Galicia continúa a proxectar internacionalmente a programación do Ano Castelao, artellada para difundir e preservar o legado do intelectual galeguista, do que se cumpren este ano 75 anos do seu pasamento. Nesta ocasión, o Goberno galego está a desenvolver unha decena de actividades na cidade de Bos Aires a través de relatorios, mesas redondas e exposicións que se están a desenvolver no expositor institucional da Feira Internacional do Libro e, paralelamente, no Centro de Galicia e no Instituto Santiago Apóstol, nas que está a participar o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
Nesta liña de difusión internacional, a Xunta ten desprazado á capital da Arxentina unha delegación de autoras e autores convidados, vencellados coa figura do intelectual galeguista, como son o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, o director da Cátedra Institucional Castelao na Universidade de Santiago de Compostela, Henrique Monteagudo, e o director de Edicións de Galaxia, Marcos Calveiro.
Todos eles levan afondando e divulgando, durante esta semana, sobre a relevancia desta figura senlleira da cultura, historia e política de Galicia tanto na Feira Internacional do Libro de Bos Aires como en diferentes actos nas institucións bonaerenses relacionadas coa Comunidade galega.
Precisamente, hoxe mesmo, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asistirá, no expositor da Xunta na Feira Internacional do Libro, aos relatorios Nós/Nosoutros, a ollada de Castelao, que impartirá Marcos Calveiro e ao A Cátedra Castelao de estudos galegos na Universidade de Buenos Aires, de Ruy Farías, mestre nesta mesma universidade da cidade da Prata e tamén doutor en Historia pola de Santiago de Compostela.
A programación do Ano Castelao continuará mañá na feira coa conferencia Crear porvir: 75 aniversario da Editorial Galaxia, cuxa fundación ten como unha das súas orixes á morte do escritor de Rianxo, e que correrá a cargo do director de Edicións desta entidade. Sumaráselle a estas actividades, o relatorio de Miguel Anxo Seixas que leva por título Castelao: arte e verdade.
Cómpre salientar que, ao longo de toda esta semana, as actividades ao redor do Ano Castelao non só se concentraron na Feira do Libro. Así, o pasado mércores, 30 de abril, o director xeral de Cultura inaugurou exposición Castelao e Bos Aires. De Sempre en Galiza a Alba de gloria, no Centro Galicia da cidade bonaerense.
De igual xeito, Henrique Monteagudo impartiu estes días diferentes relatorios sobre a obra e figura do autor de Rianxo na programación paralela á feira, que se desenvolveu no Centro Galicia e no Instituto arxentino-galego Santiago Apóstol.
Finalmente, dentro da proxección internacional do Ano Castelao en Bos Aires, organizouse unha ruta polo centro da cidade para revisar os momentos relevantes da biografía de Castelao e o seu estreito vencello coa capital arxentina. A isto sumaránselle outras actividades, entre as que se atopan clases presenciais sobre o autor de Sempre en Galiza na Facultade de Filosofía e Letras.
Proxección nos Estados Unidos, O Brasil, Alemaña ou Hungría
Esta acción do Ano Castelao na capital da Arxentina complementa a promoción realizada a medidos de abril na cidade estadounidense de Nova York, onde participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e que se estenderá ao Brasil, Alemaña ou Hungría abordando a vida e obra de Castelao desde moi diferentes perspectivas e propostas variadas.
Por outro lado, o Centro de Estudos Galegos de Bahía proxectará un audiovisual sobre a súa figura, mentres que en Sao Paulo daranse a coñecer a investigación da profesora Valeria Gil. Xa en Europa, o Centro de Estudos Galegos de Budapest ofrecerá varias conferencias sobre Castelao relacionadas coa identidade galega e a lingua.
En Heildeberg programarán unha sesión especial con diversas actividades sobre a figura e obra do homenaxeado co fin de comprender mellor o seu contexto histórico. Mentres, en Kiel centrarán as súas propostas en repasar os capítulos que se refiren a Alemaña do Diario 1921 no que Castelao plasmou as súas impresións na viaxe que fixo a este país, xunto con Francia e Bélxica.