Evento: XXXII Festival de Jazz de Lugo: Kathrine Windfeld Big Band
XXXII Festival de Jazz de Lugo: Kathrine Windfeld Big Band
O outorgamento do Letter One Rising Stars Jazz Award (Londres, 2020) suscitou interese internacional por unha traxectoria que medrou gradualmente ata volverse movemento imparable. Eloxiada pola crítica sueca e danesa con entusiasmo reservado ós acontecementos inusuais, a súa sona como compositora, arranxista e directora de grandes formacións está chamada a propagarse e conquistar continentes enteiros nos próximos anos. A principios do 2014 en Copenhague, creou a Kathrine Windfeld Big Band, que integran quince músicos escandinavos xoves e brillantes. Esta orquestra foi descuberta de inmediato no renomeado The Standard Jazz Club (Copenhague), alí ofrecéuselle un concerto semanal, o que xerou excelentes críticas nos principais periódicos daneses durante o seu primeiro ano de existencia. O primeiro álbum da banda, titulado AIRCRAFT (2015), foi triplamente nomeado para os premios Danish Jazz Grammy e gañou o premio artista novo do ano; o segundo, LATENCY (2017), e terceiro, ORCA (2020), lanzados e distribuídos en todo o planeta polo selo exclusivo Stunt Records e obtiveron unha gran resposta por parte da crítica internacional.