Evento: Maker Faire Galicia 2021
Maker Faire Galicia 2021
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura volve transformarse en xuño no espazo virtual que acollerá a Maker Faire Galicia, que na súa sétima edición repite cun novo formato totalmente en liña. O encontro volverá ser un gran escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para todos os públicos, onde "argalleir@s" de todo o planeta poderán compartir coñecemento conectándose e interactuando de maneira dixital.
Un ano máis, a plataforma makerfairegalicia.com será o punto de encontro virtual no que, entre o 2 e o 6 de xuño, as persoas visitantes poderán acceder ao interior do Museo Centro Gaiás -convertido nunha contorna virtual en 360 graos- e moverse polo espazo para interactuar cos expositores participantes. Poderán conectar en directo cos e coas makers para coñecer en detalle os seus proxectos, ademais de asistir a diferentes charlas e talleres durante os cinco días do evento, que inclúe dúas xornadas dedicadas ao ámbito profesional e empresarial, outras dúas destinadas a público xeral -e moi especialmente aos makers máis pequenos- e unha xornada dedicada ao ámbito educativo.