Evento: Programa 'Residencias cruzadas' do Centro Dramático Galego

Programa 'Residencias cruzadas' do Centro Dramático Galego
luns, 1 marzo, 2021 a xoves, 18 marzo, 2021
Salón Teatro,
Santiago de Compostela

Programa 'Residencias cruzadas' do Centro Dramático Galego

O Salón Teatro convértese nun lugar para o encontro, a reflexión e a investigación

O Centro Dramático Galego (CDG) está a dinamizar a creación e a innovación no teatro co seu novo programa 'Residencias cruzadas', que se vai desenvolver ao longo de febreiro e marzo con nove propostas creativas combinadas en cinco proxectos que inclúen accións dirixidas tanto aos profesionais do sector como á cidadanía. 

Variedade de propostas
Residencias cruzadas comeza a súa andaina co proxecto Somos teatro. Teatro e inclusión social, creado pola actriz, directora e pedagoga teatral Chusa Pérez de Vallejo, e que procura investigar na inclusión desde unha perspectiva global. A súa proposta concluirá cunha formación en liña aberta a profesionais das artes escénicas e a todas as persoas interesadas en afondar na necesidade de xerar realidades teatrais inclusivas para que a discapacidade non impida traballar en igualdade de condicións. Baixo o título Somos os luns, a parte formativa desenvolverase os luns de febreiro a partir do día 8, de 20,00 a 22,00 h.

O programa continuará a vindeira semana cos proxectos para a reflexión e a experimentación compartidos entre Diana Sieira, creadora de The Witch, e Helena Salgueiro, con Ferro, Federici. A través de lecturas comúns e complementarias, ambas analizarán do 9 ao 15 de febreiro a situación actual das mulleres, atendendo á historia da caza de bruxas como pano de fondo. Pola súa banda, a partir do día 13, Voadora, con Sincro, e Claudia Díaz Ferro, abordarán os ocos das memorias individuais no relato colectivo.

Asemade, Producións Dispersas, con Mentres dure a canción, e Mónica Sueiro, con 15 minutos, afondarán na metateatralidade e na loita do individuo por ser e estar no colectivo entre o 15 e o 20 de febreiro. Finalmente, do 21 ao 25 deste mes, Anómico Teatro, con Mosaico de Anxos, e Cía. Sr. López, con Manuela Rodríguez é unha inuit, realizarán lecturas complementarias sobre exilios e migracións.

Todas as residencias culminarán con encontros abertos ao público na segunda quincena de marzo. Residencias cruzadas supón para as compañías participantes un novo modelo de traballo, no sentido de que o CDG busca que propostas artísticas con temáticas, imaxinarios, idearios ou formatos semellantes poidan retroalimentarse. Trátase así de fomentar o encontro dos profesionais e de dinamizar o sector escénico a prol do enriquecemento de futuras exhibicións teatrais.

Máis eventos de tipo Espectáculo

Paco Nogueiras : Festival Atlántica
28 de xuño
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
A Ramona pequena vai á Lúa
13 de setembro
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
A falsa autónoma
5 de novembro
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés