Evento: Encontros Naturalistas: O Monte Xalo dende unha perspectiva socio-ecolóxica
Encontros Naturalistas: O Monte Xalo dende unha perspectiva socio-ecolóxica
O Grupo Naturalista Hábitat continua coa divulgación ambiental a través dos 'Encontros Naturalistas' en formato virtual. Desta volta, centrarase a atención nun espazo gran interese arqueolóxico, histórico, etnográfico e cultural, pero tamén cunha gran relevancia natural: o Monte Xalo.
O Monte Xalo é das montañas máis altas da Coruña, e que acubilla o pico máis alto da comarca das Mariñas. Espazo referido no Catálogo das Paisaxes de Galicia, e encadrado dentro da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Contarase con Beatriz Rodríguez-Morales, Doutora Enxeñeira de Montes pola Universidade de Santiago de Compostela. O pasado mes de xullo, Beatriz publicou a súa tese de doutoramento titulada "Analysis of the social perception of ecosystem services on a peri-urban communal forest from northwestern Spain: a social-ecological approach" ( "Análise da percepción social dos servizos ecosistémicos nun monte veciñal en man común periurbano do noroeste español: unha aproximación socio-ecolóxica"). Nela, analiza a percepción e valoración da sociedade, en xeral -e dos propietarios e visitantes, en particular-, sobre os aspectos positivos que lles reportan os montes veciñais do Xalo (Culleredo, A Coruña), aplicando na análise unha perspectiva social, participativa e de xénero.
Se estás interesada en participar como público poderás conectar libremente a través das canles do Grupo Naturalista Hábitat e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia darase paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas, léndoas en directo á relatora.