Evento: Cinco mulleres que comen tortilla
Cinco mulleres que comen tortilla
Cinco mulleres que comen tortilla é unha comedia delirante e enxeñosa que transporta ao espectador á América dos anos 50 grazas ao humor e a unha coidada posta en escena totalmente inmersiva. Un búnker esmeradamente decorado no que se integra ao público desde que entra pola porta, asignándolle a cada persoa un nome. Cada un dos espectadores é unha máis das irmás, unha máis das viúvas convidadas ao concurso de tortillas de Susan B. Anthony.
Ano 1956, América. A Sociedade de Susan B. Anthony das Irmás de Gertrude Stein celebra o seu tradicional Concurso Anual de Tortillas. Este idílico encontro, no que renderán culto a un dos produtos máis marabillosos do mundo, o ovo, vese truncado cando as mulleres teñen que enfrontarse á caída dunha bomba atómica na súa localidade.
Son as últimas superviventes e o medo trae confesións e historias do pasado que farán que cada vez se reafirmen máis na idea de que a tortilla é o máis importante que teñen nas súas vidas.
A liberdade, a relixión, o feminismo, as moralidades e o medo ao descoñecido son os motores desta exitosa comedia internacional que foi estreada en Chicago antes de formar parte do New York Fringe, converténdose nun éxito absoluto do Off-Broadway e atrapando a milleiros de espectadores de Estados Unidos dende entón. Son moitos os países que acolleron a esta irmandade, acadando enorme éxito en Reino Unido, Australia e, en España, coa versión en castelán.