Evento: Festival da Luz: Agoraphobia + Susana Seivane + Terbutalina
Festival da Luz: Agoraphobia + Susana Seivane + Terbutalina
Agoraphobia é unha banda formada por catro mozas procedentes de Boiro (Galicia), influenciadas polo punk rock que se coñeceron no instituto. Con tan só 16 anos montaron o grupo e nun par de anos mostráronse como unha das propostas máis interesantes da escena galega e acapararon a atención de diversos medios, incluídos senllas reportaxes na televisión (Miraxes e Banda Curta na televisión de Galicia), e grazas a Internet, ao tratarse dunha proposta nova e orixinal fóronse dando a coñecer.
Susana Seivane é a herdeira dunha das familias con máis prestixio dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia, a familia Seivane. Comezou a súa andaina musical ao cumprir tres anos de idade. Da man do seu pai Álvaro Seivane, e influenciada por mestres gaiteiros como o seu avó, Xosé Manuel Seivane, Ricardo Portela e Moxenas, conseguiu o respecto e admiración do mundo da gaita e da música tradicional en Galicia. Ese estilo xenuíno está hoxe presente na forma de tocar de Susana, unha muller que sintetiza o estilo "enxebre" de vellos gaiteiros. Combina este valioso legado con influencia doutras músicas; para iso rodéase dun elenco de mozos músicos que achegan gran frescura e orixinalidade ao seu espectáculo.
Terbutalina é un broncodilatador que se utiliza para o tratamiendo da asma, pero tamén o nome dunha banda de garage punk en galego nacida en 2010 entre Muros e Esteiro (A Coruña). Fieis ao seu carácter irreverente, en máis dunha entrevista afirmaron que se coñeceron nunha reunión de asmáticos.
O seu é mesturar punk e garage para confeccionar cortes frenéticos armados cunha sección rítmica atronadora. Eles falan de gastropunk, e recoñecen como influencias a grupos como Dead Kennedys, The Sonics, The Cramps, Oblivians ou Sinistro Total. Nas súas letras hai moito humor, sátira, irreverencia e textos politicamente incorrectos. Defensores da autoedición, encárganse de editar os seus discos e de poñelos en descarga gratuíta na internet.