Evento: Os Xesteira
Os Xesteira
Anxo e Roi levan escoitando foliadas desde que estaban no ventre da súa nai Esther. Con tres anos colocábanse as bufandas a modo de faixas xogando a ser Treixadura e aos 6 e 7 xa daban alboradas co seu propio grupo, Vos Xeitosiños. Aos seus 17 e 16 anos, estes irmáns cambadeses tocan o que lles poñan por diante, e seguen aprendendo. O maior está centrado no acordeón e Roi, no bombardino, pero saben sacarlles melodías tamén ao piano, á gaita, á percusión tradicional e clásica, á guitarra, ao oboe, ao xilófono, á marimba, á trompeta, ao clarinete, ao saxofón...
No ático da casa da súa avoa Pitusa -a matriarca da saga que ensinou solfexo e piano á súa familia e a varias xeracións de cambadeses- acumulan medio centenar de instrumentos, iso sen contar os tres pianos que hai no piso de abaixo e o arpa de Esther.