Evento: Concerto de Festicultores Troupe
Concerto de Festicultores Troupe
Festicultores Troupe os auténticos cultivadores de festas celebrarán no 2020 por todo o alto o seu 15º aniversario.
Para este gran acontecemento “mundial” estánse a preparar física e mentalmente, coma nunca antes o habían realizado. Levando o seu corpo ,mente, e fígado a límites nunca antes explorados por un ser humano.
Durmindo en camas hipobáricas, depuracións de fígado e riñóns, tratamentos detox , esfoliacións e tratamento capilar son algúns dos entrenamentos extremos, cos que están a preparar o seu gran aniversario.
A gran novidade desta gran celebración a parte da súa incrible preparación física, é o seu espectacular artefacto sonoro de tecnoloxía punta alieníxena, remolcado por un motor Barreiros. “Non será un submarino,non facerse ilusións”
Os Festicultores foron elexidos e abducidos polos Alieníxenas , no Festíbulo de Conxo, ós que entregaron os planos e a tecnoloxía necesaria para fabricar un vehículo de festa masiva para inundar o mundo dun espírito festeiro contínuo.
Co seu FestiBarreiros, percorrerán o universo terrestre , e sementarán de ledicia, ilusión e esperanza as almas errantes de viño de Barrantes e as de auga mineral con gas.
O comezo de década tamén será a época onde editarán novos hits nos que haberá colaboracións, de artistas amig@s cos que compartiron moitas vivenzas polo mundo adiante.
O 2020 será o ano da Festicultura , o mundo perderá a cordura e os Festicultores demostrarán unha vez máis a involución e inmadurez sufrida nestes 15 anos da súa exitosa rural traxectoria.