Evento: 17º Festival de Cans

17º Festival de Cans
mércores, 2 setembro, 2020 a sábado, 5 setembro, 2020
Varios espazos,
O Porriño

17º Festival de Cans

Festival de curtas de animación, documentais, concursos e moito máis

O Festival de Cans é un festival moi especial. Os que o facemos sempre dicimos que posiblemente non sexa o mellor festival do mundo, pero si o máis diferente. Cans celébrase sempre o terceiro ou cuarta fin de semana do mes de maio, coincidindo cos nosos curmáns de Cannes en Francia. Con ese paralelismo entre os dous nomes empezou un día como unha broma o Festival de Cans. Era pouco menos que un xogo fonético, pero aos poucos todo foi collendo unha dimensión que nos sorprendeu. Desde o ano 2004, ao que asistiron 500 persoas nunha tarde de sábado, empezamos a acoller visitantes sen parar, e xa estamos por encima dos 13.000 espectadores que agora recibimos nos catro días que dura o evento.

Cans é un festival de curtametraxes de produción galega, onde a música tamén xoga un papel moi relevante. Durante o festival, a aldea transfórmase completamente. Hai dez espazos que se converten en salas de proxección, e que durante o ano son adegas, galpóns, baixos de casas ou casas vellas deshabitadas.

Outros espazos, como placas de casas en construción, galiñeiros, camións ou leiras convértense en lugares para actuacións musicais e actividades paralelas. E a xente trasládase frenéticamente dun lado a outro en chimpín -os pequenos tractores domésticos- coma se estivesen a vivir nun filme de Kusturica.

A broma foi converténdose nun gran punto de cita de público e profesionais. Ademais de festival de curtos hai estreas de filmes e documentais, coloquios con cineastas, roteiros sonoros e unha chea de actividades que se reparten entre a aldea e o núcleo urbano do Porriño. Durante uns días, Cans convértese nun espazo no que se produce un terremoto cultural. Fronte á sofisticación e o glamour da Costa Azul, o noso festival ofrece altas doses de autenticidade e diversión no medio dos campos. É o que se chama Agroglamour, a esencia que define ao evento.

O Festival de Cans toma por completo a aldea. O Torreiro (a praza da igrexa), convértese no centro da festa onde teñen lugar os concertos e a entrega de premios, a estrada central córtase e convértese no Cans Voulevar, cheo de música e agasallos, o Parque do Río pasa a ser o Espazo Minicans dedicado aos nenos e en todos as esquinas hai unha programación intensa e diversa de cinema e música. Os espazos cotiáns perden a súa privacidade e os veciños e veciñas cédenos para o uso público por uns días. O Cuberto de Chelo, o Cuberto de Pato, o Baixo de Carlos, o Baixo de Alfonso, a Casa de Pedreiro, o Galpón de Alicia, o Baixo de Carreira, a Casa de Mari, o Baixo de Bugarín ou o Baixo de Moncho convértense en salas de proxección transformadas polas pantallas construídas na aldea polos carpinteiros Silvino e Juan Maceira, e pola herba empacada e as táboas onde senta o público para ver os filmes.

Hai curtos de ficción, de animación, documentais, concurso de videoclips ou webseries. A creación galega máis emerxente pasa por Cans, que se converte na gran plataforma de visibilidade dos novos creadores. Cans é unha mestura que non é fácil de definir pero ante todo unha experiencia marabillosa que hai que vivir. Por iso todo o mundo repite. Se vés un ano, seguro que volves. Esa é unha máxima infalible.

Máis eventos de tipo Festival

Barbeira Season Fest 2023
7 de xuño a 11 de xuño
Varios espazos