Evento: Brais González e Beatriz Arenas: Música no Ar
Brais González e Beatriz Arenas: Música no Ar
Brais González é un dos pianistas máis eclécticos da súa xeración, cunha carreira que estivo sempre dividida entre a interpretación clásica, un extenso labor como acompañante e músico de cámara e un interesante percorrido como compositor e creador de realidades sonoras que buscan sempre xuntar universos estilísticos diversos, desde a música contemporánea ao folk, o indie ou a música cinematográfica. Os seus traballos discográficos como solista sintetizan todos estes mundos, e neles Brais trata de propoñer un paseo por paisaxes que sempre se debuxan ao redor da improvisación.
Naceu en Vigo en 1987 e inicia os seus estudos de piano na súa cidade cos profesores Aleksandras Jurgelionis, Aldona Dvarionaité, e Ricardas Biveinis, con quen tamén estuda composición. Continúa a súa formación na Universidade Mozarteum de Salzburgo (Austria) baixo a dirección do pianista Rolf Plagge, completando tamén os seus estudos no Conservatorio Superior de Vigo con Severino Ortiz e no Conservatorio Superior de Oviedo. Asistiu a clases maxistrais con numerosos profesores e concertistas, entre os que destacan Oxhana Yablonskaya (Juilliard School de New York), Vitaly Margulis (UCLA), Galina Egiazarova (Escola Superior de Musica Reina Sofia), Luiz de Moura Castro (Hartford School), Jun Kanno, Niklas Sivelov, Leonel Morais, Julius Andrejevas, Rina Dokshitsky, Carles Marqués, Vlad Dumilescu e Luís Fernando Pérez.
Beatriz Arenas, experta en música antiga, entra en contacto co universo sonoro do pianista e compositor Brais González, afeito a transitar entre diferentes realidades estilísticas, bebendo tanto da música clásica, do minimalismo e o neoclasicismo, como da world music, o jazz ou a electrónica.
Formada na Escola Superior de Canto de Madrid e no Conservatorio de Gent (Bélxica), Beatriz Arenas ten unha prometedora carreira tanto no mundo da lírica, con presentacións no Teatro da Zarzuela ou no Seoul Arts Center de Corea do Sur, coma na música histórica, ámbito no que participou no prestixioso Festival de Música Antiga de Utrecht e no Festival de Granada, ademais de ser membro do Stradella Y-Project en Italia.
Máis eventos de tipo Concerto