Evento: Museo do Mar de Galicia: A pesca en Galicia
Museo do Mar de Galicia: A pesca en Galicia
Ao longo da historia, o home desenvolveu unha serie de técnicas para capturar peixes ou outros animais que viven na auga, desde a extracción a man ata o emprego de anzois, redes, trampas, arpones ou velenos.
A pesca é unha actividade dirixida á captura de peixes; cando se exerce sobre crustáceos ou moluscos denomínase marisqueo. Ao longo da historia, o home desenvolveu unha serie de técnicas para capturar peixes ou outros animais que viven na auga, desde a extracción a man ata o emprego de anzois, redes, trampas, arpones ou velenos. Chámanse artes aos medios que se usan para a captura. Con frecuencia o home tamén se valeu doutros elementos que teñen unha función indirecta na captura, como embarcacións, motores, cabrestantes, etc.
O claro carácter perecedoiro do peixe fixo que o home buscase métodos de conservación co obxectivo de eliminar ou inhibir o crecemento de microorganismos. Así, desenvolvéronse técnicas como o secado, a salgadura, o afumado ou o escabeche que permitiron atrasar o seu consumo. Polas posibilidades que ofrecía de ser conservado, almacenado e transportado, moitas comunidades costeiras deixaron de ver o peixe como un produto só para autoconsumo e empezaron a consideralo como obxecto de comercio. Logo xurdiron pescas cunha clara finalidade comercial, como a do bacallau de Terranova, capturado para ser salgado ou secado; a do arenque do Báltico, destinado a ser afumado; ou a da sardiña galega, pescada para ser primeiro salgada e, en tempos máis próximos, enlatada. Nos últimos séculos, os avances nos transportes e o frío artificial permitiron a ampliación dos mercados de peixe fresco.