Evento: Curso de historia da moda ‘Alegacións a medida. Indumentaria do século XX’

  • Curso de historia da moda no CGAC "Alegacións a medida"
Curso de historia da moda ‘Alegacións a medida. Indumentaria do século XX’
mércores, 5 febreiro, 2020 - 19:00
Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC),
Santiago de Compostela

Curso de historia da moda ‘Alegacións a medida. Indumentaria do século XX’

Unha crónica na que a moda é comunicadora activa dos importantes avances históricos

Alegacións a medida persegue o serpeante percorrido social, económico e cultural do século XX en Occidente a través da evolución da vestimenta. A moda, en estreita relación coa arte, a música e o cinema ao longo do século, é manifesto fiel da historia do seu tempo.

 

Aos impresionistas debémoslles a audacia de saír pintar á rúa, a temeridade de captar o fugaz, a aposta temática polo cotián, polo contemporáneo, e un magnífico rexistro visual da evolución da moda na segunda metade do século XIX. Con todo, o primeiro en concibir e asinar os seus exclusivos deseños como auténticas obras de arte, contribuíndo deste xeito a crear o novo concepto de modisto, foi o deseñador inglés Charles Frederick Worth. A idea da alta costura, forxada ao redor da súa persoa, triunfou na Exposición Universal de París de 1900. A alianza entre arte e moda quedou selada ata os nosos días.

 

Levado polas súas ansias vangardistas, Paul Poiret foi o responsable de liberar as mulleres do corpiño. A caída desta opresiva peza modeladora do corpo feminino non foi casual; o ámbito da moda contaxiouse da omnipresente idea de progreso. O pulso artístico dos modistos evidenciaba un camiño prometedor: o protagonismo alcanzado polos fauves contribuíu a subir o ton de cor da nova moda parisiense, a revisión da escultura grega revelou siluetas desprovistas de artificio, a repercusión do exotismo, danza e vestiario dos Ballets Rusos en París fíxose patente na moda, ademais de acreditar o incipiente anhelo feminino de liberdade de movementos.

 

Os futuristas exaltaron o dinamismo dun progreso imparable que se cruzou co estalido da Primeira Guerra Mundial. Esta nova conxuntura deu paso a unha moral máis relaxada: o longo das saias subiu ata os xeonllos, as cidadás cosmopolitas comezaron a lucir unha silueta recta desde os ombreiros ata as cadeiras e a cortar o pelo. A irrupción da garçonne coincidiu cun incremento da presenza feminina no espazo público e a asunción dun papel máis activo das mulleres na sociedade, dous obxectivos perseguidos con determinación polo movemento sufraxista. Neste contexto emerxe a figura de Gabrielle Chanel, a modista francesa que deu coas claves do vestiario moderno.

 

Os cubistas introduciron un novo gusto burgués polo plano e a art decó conferiulle á indumentaria unha nova sensibilidade xeométrica. A popularización do deporte e as novas formas de lecer esixiron do vestiario unha maior comodidade. A caída da Bolsa de Nova York en 1929 conduciu a un período de austeridade non só económica, tamén de comportamento. A muller liberada esvaeceuse e, na vestimenta, o recato feminino pasou a ser unha esixencia moral acorde coa dureza dos tempos. A chegada do cinema sonoro afianzou a Hollywood como fábrica de soños: as estrelas do celuloide encarnaban a mulleres glamurosas, vestidas para seducir e mesmo para infundir temor.

 

Marlene Dietrich ou Katharine Hepburn, ademais de ser asiduas ao uso do pantalón, lexitimaron un estilo de muller independente que atoparía cabida nos círculos máis cosmopolitas.

 

Durante o ascenso do fascismo en Europa, a vangarda surrealista atopou na moda unha cómplice mordaz, a deseñadora Elsa Schiaparelli, que trasladou o seu insólito imaxinario á vestimenta da época. Desde a escaseza téxtil e a militarización da indumentaria civil durante a Segunda Guerra Mundial ata a moda casual e individualista de final de século, a evolución da vestimenta foi, e será sempre, unha resposta aos avatares de cada momento histórico.

 

Ademais de contextualizar os parámetros en moda que hoxe en día seguen vixentes, este curso posibilita unha crónica na que a moda é comunicadora activa dos importantes avances que se produciron, aínda con ocasión de claros retrocesos, na consecución do ansiado progreso colectivo de Occidente ao longo do convulso e igualmente fascinante século XX.

 

 

PROGRAMA

8 xaneiro Final de século, final dunha vestimenta

15 xaneiro Comeza o século XX. A carreira vangardista

22 xaneiro Moda para a evasión

29 xaneiro Entroido en tempos duros

5 febreiro Contenda e competencia

12 febreiro Conservadorismo dourado

19 febreiro A alta costura á rúa, da rúa á revolución

26 febreiro Cambios de xénero, brillos e anarquía

4 marzo Materialismo en talla grande

11 marzo A antimoda pudorosa

 

HORARIO

Mércores de 19:00 a 20:45h

 

DOCENTE

Carolina Munáiz (Pontevedra, 1976). É titulada en Ilustración e docente na Escola Superior de Deseño e Moda Formarte da Coruña onde imparte as materias de Historia da Arte e Historia da Moda do Século XX. Ao seu labor docente súmase a súa traxectoria no ámbito da pintura, no que desenvolveu diversos proxectos como a súa participación na mostra colectiva Le Reste du cabaret (Roteiros de Creación, Galería Sargadelos, Santiago de Compostela, 2010). En 2011 dirixiu un obradoiro de pintura no módulo de mulleres do cárcere de Teixeiro (proxecto de visibilidade incluído no XIV Congreso Nacional do Voluntariado). En 2015 publicou Esguello, unha obra plástica e poética realizada en colaboración co poeta Genaro da Silva e presentada na Fundación Cuña-Casasbellas de Pontevedra. Entre outras actividades, deseñou a arquitectura efémera para a colección de 2015 da exclusiva firma galega de punto artesán Knitbrary. Impartiu charlas en colaboración con departamentos de Historia, Arte e Literatura de diversos IES e levou a cabo ciclos de divulgación incluídos na programación do Fórum Metropolitano da Coruña.

 

DESTINATARIOS

Profesorado, estudantes e persoas interesadas na historia da moda e na historia da arte.

 

INSCRICIÓN

O prazo de inscrición está aberto desde do 15 de outubro de 2019 ao 7 de xaneiro de 2020. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal. Nela deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.

Unha vez aceptada a solicitude, as persoas rexistradas serán informadas sobre como realizar o pagamento.

 

PRAZAS

150

 

MATRÍCULA

30€

 

CERTIFICACIÓN
O CGAC expediralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.

 

 

 

Máis eventos de tipo Xornada/Congreso

Os temas da arte: Tirando do fío
2 de abril a 28 de maio
Museo de Belas Artes
Charla e presentación do cómic "Gloria"
9 de maio
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Tradición oral recuperada das tebras. Son contos... ou Historia?
14 de maio
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
Presentación do libro “Reflexiones de un felino en el aire”
20 de maio
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal