Evento: Festival Internacional Galicreques
Festival Internacional Galicreques
Do 13 ao 21 de outubro, Santiago de Compostela acolle o Festival Internacional Galicreques, no que se dan cita máis de 50 funcións con monicreques a cargo de 23 compañías de sete países.
A 23ª edición do festival ofrecerá tres estreas absolutas (Viaje a un país de..., coprodución de Títeres Cachirulo, Tres Tigres Teatro e Chachakün; Cantamos?, de Luis Vallecillo, e Home, de Mazzú Teatro), ademais de 13 espectáculos que se presentan por vez primeira en España.
O programa de 2018 inclúe 23 compañías, das cales seis son galegas (Títeres Cachirulo, Títeres Brincadeira, Luís Vallecillo, Os Monicreques de Kukas, Fantoches Baj e Art-Monium). Do resto de España, chegarán compañías de Madrid (Mazzú Teatro), Valencia (Xarop Teatre) e Aragón (Teatro de Medianoche e Teatro Arbolé), mentres que do panorama internacional, Galicreques contará con formacións de Arxentina (Chachakün, Tres Tigres Teatro, Ulularia Teatro), Brasil (Sobrevento), Colombia (Arlequín y los Juglares), Ecuador (Titiritainas), México (Mano y Contramano), e Venezuela (La Pareja).
Como novidade este ano, a programación espallarase por toda a cidade coa incorporación de novos escenarios aos xa habituais da Fundación SGAE, Teatro Principal e Centro Sociocultural de Santa Marta. En 2018 serán tamén espazos de exhibición outros seis centros socioculturais composteláns e a sede do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro, neste último caso para acoller o domingo 21 a xornada de clausura coa compañía mexicana Mano y Contramano e a montaxe El oso que no lo era. En canto aos espectáculos de rúa, haberá representacións nas prazas Roxa e das Praterías e na Alameda, que un ano máis acollerá a Carpa do Galicreques.
Máis eventos de tipo Festival