Evento: 25 aniversario do CGAC
25 aniversario do CGAC
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) está de aniversario. Para celebrar os seus primeiros 25 anos de vida, o museo contará cunha programación especial de actividades, nas que se inclúen concertos, talleres, cursos, charlas e cinema, e que completarán as exposicións en curso.
Programa
MÉRCORES 26 DE SETEMBRO
19:00 h
CONVERSA ENTRE DIRECTORES
No Auditorio do CGAC
O CGAC propón un exercicio de memoria e de reencontro con algúns dos directores que formaron parte da historia do CGAC.
O museo de hoxe é froito do traballo colectivo dos equipos do museo e dos seus directores, así como da interacción das ideas e propostas expostas con e para o público, cos diversos públicos. Unha ocasión para transmitir á cidadanía a importancia dun proxecto que debe sentir como seu e subliñar o seu carácter colectivo. Con Antón Pulido, Miguel Fernández- Cid, Miguel von Hafe e Santiago Olmo.
XOVES 27 DE SETEMBRO
21:00 h
PERCORRIDO POLA INTERVENCIÓN DE JAVIER RIERA NO PARQUE DE BONAVAL
Parque de San Domingos de Bonaval / Entrada libre e de balde
A construción do edificio do CGAC realizouse paralelamente e en diálogo coa transformación da antiga horta do convento de San Domingos de Bonaval, nun parque a través da colaboración de Álvaro Siza Vieira e a paisaxista galega Isabel Aguirre. A modo de celebración desta radical e decisiva transformación urbana da cidade de Santiago, Javier Riera (Avilés, Asturias, 1965) concibiu un breve paseo polo parque de Bonaval.
VENRES 28 DE SETEMBRO
20:00 h
DANZA: Closer
de Thomas Noone Dance Company
Terraza do CGAC / Entrada libre e de balde
Esta obra xorde do interese do director e coreógrafo Thomas Noone pola investigación sobre as diferentes linguaxes da danza, as colocacións na escena e as diversas perspectivas vivenciais para o público. Thomas Noone crea obras corais desenvolvendo linguaxes específicas para cada bailarín; cuestiona quen somos, que somos e como manifestamos a nosa humanidade mentres intentamos controlar o noso lado animal.
21:00 h
Arte & Lounge
A Cantina do CGAC / Entrada libre e de balde
Á noitiña, cuns petiscos, os asistentes poderán experimentar a intervención de Javier Riera sobre a paisaxe do parque.
22:00 h
CONCERTO: Bombino, rock tuareg
Exterior do CGAC / Entrada libre e de balde
A noite do venres contará coa actuación de Bombino, que fusiona ritmos bérberes tradicionais coa enerxía do rock. Bombino presentará o seu novo álbum, Deran (Partisan Records, maio de 2018), xunto co tuareg Illias Mohammed á guitarra e voz, o estadounidense Corey Wilhelm á batería e percusión, o mauritano Youba Dia ao baixo, o percusionista marroquí Hassan Krifa e con Anana ag Haroun Assouf e Toulou Kiki nos coros. Un traballo que traza un itinerario polo deserto a través dos misteriosos sons contemporáneos procedentes do Sáhara.
SÁBADO 29 DE SETEMBRO
11:00-19:00 h
MARATÓN DE TALLERES
Exterior do CGAC / Acceso libre e de balde
Realizarán tres talleres simultáneos de creación plástica para todos os públicos dirixidos polo equipo do artista Alejandro Marote.
Os talleres terán lugar durante todo o día e non será precisa a inscrición previa, de xeito que o público poderá sumarse no momento que queira a cada unha destas tres actividades.
13:00 h
SESIÓN VERMÚ CON MÚSICA EN DIRECTO: Aló Django, gypsy swing
Exterior do CGAC
O grupo galego Aló Django, composto por Xabier Mera, guitarra e voz; Quim Fariña, violín; Alfonso Calvo, contrabaixo; e David Tato Rodríguez, guitarra, será o encargado de amenizar unha sesión vermú especial, cun repertorio musical inspirado no jazz e na música dos xitanos manouche centroeuropeos dos anos 20.
DOMINGO 30 DE SETEMBRO
13:00 h
CINE CON MÚSICA EN DIRECTO
Auditorio do CGAC
Na selección fílmica viaxarase de novo aos anos 20 como homenaxe á década do aniversario do CGAC.
A formación Caspervek Trío fará a banda sonora en directo da obra mestra de cinema O maquinista da xeral, do ano 1926. Unha comedia de acción trepidante para todos os públicos dirixida e protagonizada por Buster Keaton que se proxectará no auditorio do CGAC.
Caspervek Trío: Blas Castañer, percusión / Eduards Vecbastiks, violín / Brais González, composición e piano