Evento: LGx15
LGx15
Terceira edición desta iniciativa organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Con intervencións dun máximo de 15 minutos, os convidados e convidadas desta edición falarán de temas tan variados coma a economía social, as tendencias, a educación e a crianza, a dobraxe, a autoconciencia e a conciencia colectiva, a necesidade do uso do galego, o humor, as síndromes que nos caracterizan... Haberá tamén música en directo e humor. Un formato diferente para falar do futuro da lingua e intentar influír no imaxinario colectivo arredor do idioma lanzando propostas, mensaxes, experiencias e ideas.
Desta volta, participarán Alonso Caxade (músico, mestre e pai, que nos falará sobre crianza e docencia), Cecilia Fernández (editora xefa da revista Coolt, quen trae o tema das tendencias), Iria Veiga (médica psiquiatra, que nos vai presentar a síndrome do Noroeste), José Antonio Rubal (especialista en dobraxe e en "ondas vitais" para o galego), Nuria Espasandín (estudante e youtubeira, que ten claro que o galego non é unha peza de museo), Patricia Buxán e Miguel Braña (tradutores e socios de Catro Ventos Editora, que nos van descubrir a importancia da lingua na economía social), Pedro Brandariz (humorista que sabe que se poden conseguir moitos avances facendo o humor), e Alba García, Fátima Fathallah, Brais García e Jonathan Blanco (estudantes do Club de Debate do IES Xulián Magariños de Negreira, que nos traerán as ideas para o futuro da lingua dos máis novos).
A música virá da man de MJ Pérez. Conducirá o acto o actor e divulgador científico Vicente Mohedano.
Entradas á venda na Tenda A Reixa e Sala Capitol e en www.salacapitol.com