Evento: Celebramos o Día do Libro
Celebramos o Día do Libro
Durante a semana do 17 ao 24 de abril a Biblioteca realizará unha Campaña de liberación de libros. Liberarémolos por diferentes espazos da nosa biblioteca e as persoas interesadas poderán escoller que libros levar a casa entre unha gran variedade. Despois de lelos, poderán á súa vez deixalos nalgún lugar da nosa cidade para que outra persoa goce coa súa lectura. Esta campaña ten como obxectivo expandir a cultura máis alá das paredes das bibliotecas e espazos culturais.
Sorteo de lotes de libros entre todos aqueles usuarios que leven un libro en préstamo o día 24. Para a realización deste sorteo (o 25 de abril) será o noso programa informático o que elixa de forma aleatoria ás persoas agraciadas ás que se lles comunicará por teléfono a consecución do agasallo e ás
que lles pediremos que nos permitan facerlles unha foto no momento da entrega para o noso Facebook
Un libro para cada lector ou lectora: recomendámosche un libro. As persoas que se acheguen á biblioteca o día 24 de abril poderán recoller nos mostradores de Información e da Sala Infantil recomendacións de lecturas realizadas polo persoal da biblioteca.
Visita guiada extraordinaria o 24 de abril ás 12.00 para que os usuarios, e aqueles que aínda non o son, poidan coñecer todos os espazos e servizos que ofrece a Biblioteca.
Espectáculo de poesía Pendanca e Oso que estará a cargo de Aldaolado, grupo formado polas poetas Lucía Aldao e María Lado. A actividade desenvolverase o 27 de abril ás 19.30h no Salón de actos e está dirixida a un público adulto. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
Das aventuras ou desventuras amorosas de cada un e de cada unha, xorden paixóns desenfreadas, anos de martirio, cotas altas de felicidade, ansiedades varias, gozos e sombras. Dese caldo de cultivo xorden tamén os poemas que ALDAOLADO recitan neste espectáculo, poñéndolle moita música e moito humor ó amor máis romántico e ó amor máis miserable. Iso é Pendanca e Oso, unha fábula que conta e canta o peor e o mellor do currículo amoroso da humanidade.