Evento: Roteiro fluvial de Ribadavia a Francelos
Roteiro fluvial de Ribadavia a Francelos
Ao noso paso pola comarca do Ribeiro, e como antesala o concerto que terá lugar no Museo Etnolóxico de Ribadavia, Espazos Sonoros propón unha ruta que sairá do propio museo para seguir o camiño á beira do río Avia. Camiñarase río abaixo ata a foz do Avia, no punto no que o río conflúe co Miño, pasando polo Muíño da Raíña e as Ínsuas, ata chegar a Porto Corbeira, un peirao coñecido popularmente como A Barca, pois alí collíase tradicionalmente unha embarcación que permitía cruzar ao outro lado do Miño.
Continuarase camiñando entre viñas, pola beira do río, ata a pequena igrexa de San Xes de Francelos do século IX, para seguir cara á praza do Cruceiriño, no lugar de Francelos, e a rúa do Pouso, que leva ata unha ponte medieval do século XV. A andaina continúa, por un tramo do antigo Camiño Real que unía Ribadavia con Tui, Santiago e Pontevedra, ata a granxa vitivinícola de Outeiro, unha antiga explotación que data do século XII e que pertenceu aos monxes de Melón, a cal tivo unha actividade continuada, incluso logo da desamortización, ata mediados do século XX.
Desde o alto da granxa a andaina deterase para contemplar o val de Valparaíso. Trátase, no seu conxunto, dunha paraxe de gran riqueza etnolóxica, natural e paisaxística, na que se observa unha fonda pegada da man transformadora das persoas que ao longo dos séculos traballaron e fixeron produtivas estas terras. O camiño conduce finalmente ata o Pociño de Francelos, as pozas naturais que forma o río Brul, tamén coñecido como río Outeiro, ao seu paso pola aldea. E de volta a Ribadavia.
Hora e lugar de encontro: 15.00 h, diante do Museo Etnolóxico de Ribadavia
Duración: 2 horas e media aprox.
Distancia: 8 quilómetros
Dificultade: baixa
Capacidade máxima: 70 persoas
Inscrición: do 27 de agosto ao 7 de setembro en actividades@espazossonoros.org
Máis eventos de tipo Visita guiada/Roteiro