Evento: Festival de Cans
Festival de Cans
Un total de 18 curtametraxes e outros tantos videoclips galegos a concurso nesta décimoterceira edición. Ademais, os concertos volverán ocupar un espazo destacado nesta carteleira ata encher máis de 30 horas de música coas 20 actuacións previstas.
Entre as novidades desta décimo terceira edición, están as funcionalidades e contidos que estrean varios dos seus espazos emblemáticos. A Leira de Alicia, por exemplo, pasa a ter programación continua nos dous días centrais do evento e acollerá diferentes actuacións musicais, entre as que destaca o concerto de Iván Ferreiro, así como encontros con todos os curtametraxistas da sección oficial.
Inaugurarase, ademais, o Jaliñeiro Arena cun espectáculo que combina música e danza contemporánea da man de Mercedes Peón e Janet Novás. Este novo escenario situarase na chamada Zona Multiúsos, que acolle a programación audiovisual, musical e as ‘performances’ do Jaliñeiro Clásico. Este ano haberá tamén unha nova sección gastronómica coa proxección de ‘El equilibrio de los opuestos’, un documental sobre as peripecias do cociñeiro Javier Olleros, quen preparará unha tapa especial deseñada para o festival e elaborada con produtos da parroquia.
En canto á sección oficial a concurso, entre as 18 curtametraxes seleccionadas atópanse os últimos traballos dalgúns creadores que xa son habituais do festival, así como de directores galegos asentados en Bruxelas, Londres, Lisboa, Madrid ou Barcelona, entre outras cidades.
Animación
Sobresae nesta escolma a recuperación da animación con filmes de realizadores e debuxantes consagrados ao carón dunha nova xeración de autores saídos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A selección de videoclips reflicte igualmente unha gran diversidade, entre a que este ano destaca unha ampla presenza de fitas asinadas por mulleres.
Haberá lugar, así mesmo, para as longametraxes coa estrea de ‘Psiconautas’, o filme de animación co que Alberto Vázquez e Pedro Rivero culminan o camiño iniciado coa curta ‘Birdboy’, gañadora en Cans en 2011 e Goya á mellor curtametraxe de animación en 2012. Completarán esta sección varios documentais e o filme de animación para público familiar ‘Maimiño’.
Como en anos anteriores, Cans reunirá destacados profesionais do audiovisual galego para compartir cos asistentes os seus proxectos inmediatos e despregará un amplo cartel musical, no que figuran ademais Os Diplomáticos de Monte Alto, Novedades Carminha, Delafé, De Vacas, Family Folks e Zurrumalla, Cintaadhesiva, Camarada Nimoy e Best Boy, entre outros.
Máis eventos de tipo Festival