Evento: On the Road
On the Road
O Pazo de Xelmírez, a igrexa e o cemiterio de Bonaval, ademais de espazos urbanos emblemáticos da cidade son os escenarios da mostra estrela do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís e que se poderá visitar ata o 30 de novembro.
On the Road deixará como legado do centenario para Galicia e para a cidade de Santiago a rehabilitación dun espazo único no mundo, o Pazo de Xelmírez, para o seu uso cultural, de modo que para acollela, Turismo de Galicia levou adiante unha gran obra de rehabilitación e acondicionamento para o que se asinou un acordo entre a Administración autonómica e a Fundación Catedral de Santiago.
Conta coa participación de 35 artistas de gran prestixio nacional e internacional: Francis Alÿs; Giovanni Anselmo; Jorge Barbi; Lothar Baumgarten; Joseph Beuys; Alighiero Boetti; Christian Boltanski; Marcel Broodthaers; John Cage; Mircea Cantor; Janet Cardiff & George Bures Miller; Tacita Dean; Jimmie Durham; Guillermo Faivovich & Nicolás Goldberg; Félix González-Torres; João Maria Gusmão & Pedro Paiva; Roni Horn; Annika Kahrs; Amar Kanwar; Yves Klein; Jannis Kounellis; Antón Lamazares; Richard Long; Aníbal López; Piero Manzoni; Anthony McCall; Mario Merz; Nam June Paik; Giuseppe Penone; Perejaume; Caio Reisewitz; Robert Smithson; Antoni Tàpies; Lawrence Weiner e Franz West. Doce destes artistas crearon obras específicas para a exposición.
On the Road supuxo un traballo exhaustivo na que os artistas son os verdadeiros protagonistas. A figura de San Francisco e a súa actitude é o tema central da mostra. Trátase dun dos personaxes con maior protagonismo na historia da arte e que ten sido representado por artistas de todas as épocas.
A mostra non queda na súa superficie ou representación senón que afonda nas actitudes do mesmo e céntrase nas seguintes actitudes:
- Camiñar como experiencia
- A idea de que para San Francisco o mundo non era unha paisaxe, senón que todos formabamos parte dese todo
- A experiencia como valor de coñecemento fronte a idea de racionalismo
- O enfrontamento coas regras establecidas
San Francisco foi un revolucionario do seu tempo e deixou pegada nos artistas que se sentiron identificados con esas actitudes.