Evento: Cantos na Maré 2016
Cantos na Maré 2016
O festival Cantos na Maré celebra a súa duodécima edición cun concerto que xuntará sobre o escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra catro destacadas voces das músicas en lingua galega e portuguesa: a guineana Karyna Gomes, a brasileira Thaïs Morell e os galegos Uxía e Narf.
Como en anteriores edicións, o concerto do 16 de xaneiro virá precedido de varios días de ensaios para que os convidados se coñezan e traballen xuntos no repertorio orixinal que converte cada Cantos na Maré nun espectáculo único, a través do que se busca afondar nos vínculos musicais e culturais entre Galicia e os países da lusofonía.
Os artistas
Desde Guinea Bissau chega Karyna Gomes, a máis recente revelación musical da África lusófona, que acadou un gran éxito de público co seu disco de debut, producido precisamente polo director musical de Cantos na Maré, Paulo Borges.
Pola súa banda, a brasileira Thaïs Morell achegarálle ao público galego un repertorio afastado de clixés, que a converte nunha creadora orixinal e única, ademais de nunha moi destacada guitarrista e frautista.
A representación galega correrá a cargo de Uxía e Fran Pérez 'Narf' e as súas ‘Baladas da Galiza imaxinaria’, título do seu primeiro disco conxunto. Nesta colaboración, que xorde a raíz dunha xira suramericana que compartiron na primavera de 2014, estes dous grandes da música de Galicia funden os seus respectivos repertorios e presentan varios temas para ofrecerlles aos espectadores un espectáculo intimista, no que todas as cancións teñen detrás unha historia relacionada cunha viaxe, cun encontro ou cunha experiencia vivida a través da música.
Máis eventos de tipo Festival