Evento: Luis Seoane. Paisaxe psíquica
Luis Seoane. Paisaxe psíquica
A paisaxe en Luis Seoane é unha sorte de viaxe; primeiro física, logo mental. A comezos dos anos cincuenta realiza algunhas das súas pinturas de paisaxe máis significativas tras unha viaxe á provincia arxentina de Neuquén, ao pé dos Andes, que supón un cambio radical na súa óptica artística, así como unha conexión directa coas súas paisaxes dos anos setenta, os seus traballos máis líricos. Ata entón, as súas paisaxes funcionaban como meros escenarios ou fondos das súas figuras, pero estas xa son paisaxes en sentido estricto, pequenas pero ambiciosas.
Seoane rompe co costumismo e amosa unha natureza sublime, de inclinacións abstractas, que comeza a definir o seu interese polas superficies de cor. A perspectiva redúcese e a paisaxe preséntasenos como un muro, como un retrato. A proximidade dificulta a lectura da imaxe e o espectador abandónase ao inconmensurable, malia as pequenas dimensións de cada unha das pinturas. A liña do ceo, case inexistente pero imprescindible, é chave para compoñer a imaxe. A estas pinturas acompáñanlles debuxos terrosos e azuis, que se corresponden cos seus cadros. Uns son extremadamente leves, outros marcan as liñas de montaña de maneira grosa, e outros son case a mimese dos seus cadros e mesmo levan escrita a indicación da cor.
Mentres, nas súas augadas, agudízase o que de maneira xenérica poderíamos calificar como un proceso de abstracción. Coma se se tratase dun tremor, o representativo tórnase borroso e convértese nun espazo intersticial onde a cor actúa como único indicio para unha narrativa, e unha serie de fendas funcionan como elemento expresivo e cromático capaz de definir forma e espazo. Nas suas augadas e gouaches evócanse paisaxes sen chegar a describilos de maneira clara.
Ás paisaxes do Río da Prata, de Neuquén, de Saboia ou de Xenebra, así como ás escenas rurais, é necesario sumar as que marcan os seus comezos como pintor e tamén os seus últimos traballos: os dedicados ao mar. Son composicións dinámicas, de grafía nerviosa, con tendencia ao curvo, fundindo en harmonía liña e masas de cor. Imaxes rítmicas. Tamén as que non teñen o mar como único protagonista, nas que se advirte o seu gusto en ollar desde o alto e a influencia do seu dominio do deseño e do gravado. Algunhas das paisaxes máis fermosas teñen como único protagonista o coruñés mar do Orzán. As cores tórnanse intensas, sobre todo as azuis.
Como en todos os seus traballos desde os anos cincuenta, Seoane non buscará imitar as ondas do mar, ao contrario. Simplemente signfica o xesto, como nas paisaxes das súas últimas augadas. Máis que representar o movemento, este insinúase, incítase. Nalgúns casos, traza o espazo con mecanismos do grafismo expresionista, case automático, mesmo dadaísta. A expansión espacial dos seus arabescos é aquí escritura. O xesto asume a condición dunha danza, como se da imaxe dunha resonancia se tratara. Luis Seoane consegue recrear a forza do mar, captando a marusía, deténdoa en tensión, como se se tratase dunha natureza morta, unha paisaxe psíquica conxelada no tempo. É a paisaxe da realidade que ve e que quere. Galicia como pano de fondo.