Evento: O carteiro de Ximaraos
O carteiro de Ximaraos
O carteiro de Ximaraos é unha peza teatral de pequeno formato para a infancia profundamente conmovedora, baseada na obra gañadora do Premio Manuel María de Literatura Dramática 2024 polo seu autor, Carlos Labraña.
A historia mestura maxistralmente realidade e fantasía para abordar dúas temáticas de gran relevancia: o impacto emocional do alzhéimer nas familias e o papel da memoria ligada ao correo postal como fío condutor das relacións humanas.
A obra céntrase na relación entre un avó, antigo carteiro da vila de Ximaraos, e o seu neto, que descobre na saca do avó un tesouro de cartas esquecidas. A través desta conexión, o espectáculo reflexiona sobre como as historias, as memorias compartidas e os pequenos rituais familiares poden enfrontarse ao esquecemento. A obra aborda con sensibilidade e honestidade a enfermidade do alzhéimer, mostrando como afecta á persoa que a padece e aos que están ao seu redor. O avó, cada vez máis afastado da realidade, atopa refuxio nas súas historias e nos recordos das postais que acumulou durante a súa vida como carteiro. Estes recordos convertéronse no único vínculo que lle permite manter certa conexión co presente. A través das súas vivencias e relatos, reflíctese o poder curativo da imaxinación e a importancia de preservar a dignidade e o afecto fronte ás limitacións da memoria.
Promoven o Centro Dramático Galego e Os Monicreques de Kukas.