Evento: RapDAvia
RapDAvia
No 2023 o Museo xa participou nesta convocatoria e nunha actividade chamada “Comunidade Activa” limpouse a zona do Muiño e arredores do Avia con actividades de concienciación medioambiental grazas a axuda de veciñanza de todas as idades.
Este ano, volve esta convocatoria. Coa organización do Concello de Ribadavia mediante a OMIX, e axuda do persoal das Concellerías de Servizos, Cultura e Infraestruturas; e coa colaboración do Museo Etnolóxico de Ribadavia e da axuda da produtora @arteficcion_sl , chega de novo RapDAvia (Comunidade Activa), unha actividade de carácter interxeracional pensada para que toda a comunidade do Ribeiro colabore, conxuntamente, no coidado da súa contorna e os barrios.
Rapdavia é un gran Obradoiro que busca nexos de unión e o público que asista, terá a posibilidade, non só de escoitar música urbana en directo de Ache, O Pirata, El Macius ou Kalibass senón tamén, de presenciar a creación de graffitis en tempo real.
Ademais haberá actividades artísticas e medioambientais así coma unha Batalla de Galos a cargo de Dusem. Uniranse rap e graffiti como dúas das expresións máis populares da arte urbana hoxe en día, con artistas ourensáns e locais nunha xornada para todos os públicos onde se humanizará e recuperará o parque anexo á estación de autobuses de Ribadavia.