Evento: Conversas literarias

Conversas literarias
luns, 22 abril, 2024 - 19:00
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal,
Santiago de Compostela

Conversas literarias

A cargo de Cabido & Varela

Cedemos o espazo para realizar conversas literarias arredor das obras Areanegra na Casa Encantada de Puri Cabido que obtivo o accésit de ensaio do Certame SELIC 2022 e Faise o escuro de Carme Varela, gañadora da sección teatral do mesmo certame.

Faise o escuro de Carme Varela.

Case nunca as cousas son o que parecen. As persoas tampouco. Unha inocente cea cun vello coñecido pode abrir as portas do abismo. Unha amizade que se transforma e nos descobre o peor rostro das relacións humanas. O pracer de someter sen máis recompensa que alimentarse da aniquilación. E no fondo da escena un parque eólico beneficiado por unha tramitación viciada pola indiferenza de quen debía ser árbitro e garante ecuánime. Se cadra tamén pola corrupción. A violencia soterrada no privado e no público, no interor dun piso en Compostela e nos altos monte das serras caldelás, fan abanear as vidas de Raquel, Lidia e Eva, mentres Antón explora territorios e conquista vontades.

A fluidez e o ritmo da peza e a profundidade emocional e psicolóxica das personaxes foron claves para o xurado do certame literario SELIC que premiou Foise o escuro na edición de 2022.

Carme Varela, licenciada en Filoloxía Galega completa a súa formación cun máster en xestión cultural na Universidade de Barcelona. A conexión co teatro comezou na época de estudante no grupo universitario EIS e na compañía Os Quinquilláns. Rematada a carreira, compaxina traballos na Fundación Castelao como Secretaria Técnica con outros no campo da produción e distribución teatral coas compañías Ollomoltranvía e Mofa e Befa. Traballa na empresa de servizos teatrais RTA. Foi Directora de Produción do Centro Dramático Galego e dende o ano 2007 a súa vida laboral está vencellada á empresa de comunicación Atlantis Multimedia onde participa en proxectos de publicidade ou na produción de películas documentais como A Palabra Xusta dirixida por Miguel Piñeiro.

As desterradas, premiada no XXV Premio Álvaro Cunqueiro e tamén co premio Follas Novas foi o seu primeiro texto teatral e foi creado como unha actividade para desenvolver no seo da asociación de patrimonio medieval O Sorriso de Daniel da que é secretaria e que axudou a fundar en 2010.

Areanegra na Casa Encantada de Puri Cabido.

O 22 de xaneiro do ano 2023 cumpríronse 20 anos da realización dunha actividade escolar en que participou de xeito masivo a comunidade educativa galega, a Cadea Humana na Costa da Morte, organizada pola Coordinadora de Ensino Areanegra. Foi unha experiencia escolar única mediaticamente impactante, mais curiosamente case esquecida ou reducida a mera insignificancia polos relatos (históricos, políticos ou artísticos) que conmemoran aquel momento épico en que o pobo galego saíu a rúa, para reivindicar con creatividade, orgullo e dignidade un mar limpo de chapapote. … Mais tal empresa requiriu un inxente traballo previo completamente descoñecido para as persoas que non formaron parte da súa organización, traballo que se desenvolveu fundamentalmente nun local okupa, a Casa Encantada, na rúa Castrón Douro, en Santiago de Compostela, hoxe desaparecida. O obxectivo deste libro é dar a coñecer o desenvolvemento dese traballo organizativo, así como o resto das actividades deseñadas e organizadas polo colectivo Areanegra.

Puri Cabido é docente, activista feminista, integrante e fundadora de Areanegra e da plataforma galega Nunca Máis. Catedrática de lingua e literatura francesas e licenciada en Filoloxía galego portuguesa. Traduciu do francés ao galego a Hélène Cixous, a obra de teatro titulada La prise de l ´école de Madhubai, A conquista da escola de Madhubai, texto que foi levado a escena pola compañía de Teatro do Atlántico. Traballou como docente en Cuba, na Cátedra de Galego da Universidade da Habana. Ten publicados varios artigos en revistas feministas e de pedagoxía (Andaina, Aula, etc).

No salón de actos. Dirixido a público adulto. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

Máis eventos de tipo Xornada/Congreso

Toponimízate 2024
22 de xuño
Museo Etnográfico da Limia
Toponimízate 2024
28 de xuño
Centro Cultural Casa de Pedra
Toponimízate 2024
5 de xullo
Casa da Cultura
Toponimízate 2024
30 de agosto
Salón de actos da Casa do Concello