Evento: Mar Caldas
Mar Caldas
No marco do seu programa de artistas de media carreira, o CGAC presenta unha mostra individual da artista Mar Caldas, pioneira da arte feminista en Galicia. A súa obra, fundamentalmente fotográfica, renova sempre o seu cariz reivindicativo para atender aos diferentes atrancos que, pola súa condición, atenazan a vida das mulleres.
Desta volta, convídanos a un percorrido pola súa obra recente, na que o traballo das mulleres e a denuncia da súa escasa consideración, pasada e presente, ocupan a centralidade do discurso. A súa proposta fálanos da realidade laboral das mulleres galegas durante tres xeracións. Neta de sindicalista fusilado, Caldas reclama a súa identidade como vítima transxeracional do franquismo: neta de viúva abocada á escaseza e as privacións e filla de nai telefonista que perdeu o seu traballo polo feito de contraer matrimonio. A exposición desenvólvese en tres salas e conta, ademais, cun anexo documental. Coa fotografía como protagonista, desprega un amplo abano de formalizacións: colaxe fotográfica con imaxes apropiadas, series fotográficas de creación propia en grande formato, a imaxe fotográfica proxectada a modo de instalación e como base dunha obra fílmica... e mesmo unha peza fotográfica en formato “tarxeta para levar”. A terceira sala está dedicada ao proxecto Retrato de familia, realizado ad hoc para esta exposición.
A obra de Mar Caldas é conceptualmente densa, froito dun continuo e laborioso traballo de investigación, mais sintética desde un punto de vista formal, e procura sempre primar a comunicación coa persoa espectadora. A súa investigación atinxe tanto aos límites e á historia do medio fotográfico —aos seus usos e formalizacións fóra e dentro do eido da arte— como a outros campos segundo as necesidades específicas de cada proxecto.
A indagación que a artista fai nos eidos da historia contemporánea e da historia da arte moderna faise patente en forma de cadro ou escena de xénero. Dun xeito que diriamos poético, Caldas fai un exercicio de arqueoloxía, ao buscar, achar e analizar artefactos xerados mediante a arte académica e a fotografía profesional. Deste xeito, por medio da arte, reconstrúe o contexto en que determinadas pezas da cultura material de Galicia foron realizadas, para desvelar a presenza soterrada das mulleres no rexistro histórico.