O porco de pé
O Porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostrar a sua superioridade sobre os seres humanos. O que presenta Excéntricas é un teatro de barracón, aquel que, na infancia, nos fascinaba e nos asustaba a partes iguais. Un farol mortizo, un chan de serrín, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, a finxirse un ser humano con tanta graza, que resulta imposible distinguilo.

