Real Filharmonía de Galicia-Ecos Sinfónicos
O compositor galego Eduardo Soutullo —Premio Nacional de Música no ano 2023— abre o concerto con All the echoes listen, unha partitura na que o desexo de liberdade e de exquisitez sonora latexa nas tres partes que a conforman. Moito máis apegado ás súas raíces, Vaughan Williams deixou unha extensa obra, da que a Fantasía sobre un tema de Thomas Tallis, que comparte a idea dos ecos da primeira obra deste programa, ficou no imaxinario como unha obra netamente británica desde a súa estrea en 1910, a pesar de que naqueles anos a influencia de Ravel impregnaba toda a súa obra.

