
A Xunta de Galicia colabora un ano máis polo Día da Ilustración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, que para o 2026 homenaxeará a Siro López, coñecido como Siro, un artista que destaca polo seu traballo de caricaturista político e humorista gráfico, alén doutras facetas como retratista, debuxante e pintor.
Con este recoñecemento, este é o segundo ano que se escolle para a efeméride, que ten o seu día o 30 de xaneiro, a unha persoa en vida. Para conmemorar esta data a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude traballa xa na posta en marcha de diversas actividades como talleres ou exposicións baseadas na traxectoria de Siro, que tamén ten un papel importante noutros campos como o do xornalismo ou o do ensaio. Sobre o autor Nado en Ferrol en 1943, Siro foi un debuxante precoz con facilidade parael debuxo desde a infancia. Non tardou en experimentar con todas as técnicas posibles: tinta e pincel, sanguina, carbón, grafito, pluma, pastel ou mesmo técnicas dixitais. Ademais, foi o deseñador da Praza do Humor da Coruña (1990) e o autor do curso de galego Imos alá, emitido na Televisión de Galicia entre 1989 e 1990.










