Nova: Unha agrupación municipal, 52 concellos e dúas entidades públicas benefícianse das axudas para equipamentos culturais

29/06/2018

Unha agrupación municipal, 52 concellos e dúas entidades públicas benefícianse das axudas para equipamentos culturais

A Consellería de Cultura e Educación resolve unha liña de subvencións para mellorar as instalacións nas que se realizan actividades culturais, dotada con 500.000 euros

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2018.- A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, acaba de publicar a relación de beneficiarios das axudas para a adquisición de equipamento e a mellora das instalacións destinadas á programación de actividades culturais, dotada con 500.000 euros. Un total de 52 concellos, unha agrupación municipal –a Mancomunidade Terra de Celanova, para o acondicionamento do salón de actos da sede de usos culturais– e dúas entidades públicas –o Organismo Autónomo Terra de Sanxenxo para acondicionamento do seu local cultural no pazo Emilia Pardo Bazán e o Auditorio de Galicia, para cambio de butacas e accesibilidade– son os organismos que acadaron as subvencións.

A Secretaría Xeral de Cultura considera prioritaria a mellora das condicións de equipamento e dotacións técnicas dos espazos das corporacións locais para que poidan abrir as súas propostas culturais a novos campos, adaptándoas ás necesidades que require o desenvolvemento dunha oferta estable, diversa e de calidade. Nese sentido, esta liña de axudas deulles preferencia ás iniciativas das entidades menos poboadas, para contribuír á equidade e ao reequilibrio territorial, favorecendo o acceso á cultura por parte de toda a cidadanía.

Os arquivos como novidade

Na convocatoria deste ano incluíanse, por vez primeira, os arquivos municipais integrados no Sistema de Arquivos de Galicia entre os espazos nos que ten lugar unha programación estable de actividades culturais (como bibliotecas, casas e pazos da cultura, locais e centros socioculturais, auditorios, casas da xuventude etc.) susceptibles de optar ás subvencións. A axuda máxima para este concepto foi para o equipamento do arquivo municipal do Concello de Oza-Cesuras, cunha contía de 32.942,25 euros, mentres que para o acondicionamento do arquivo municipal de Xunqueira de Espadanedo destínase 20.355,49 euros.

Pola súa banda, o Concello de Carnota acadou 9.019,05 euros para a posta en funcionamento do seu arquivo; Paradela beneficiouse de 1.305,78 euros para dotar de mobiliario o arquivo e os concellos de Dumbría e da Laracha, de 2.347,99 euros, respectivamente. Para a dotación de mobiliario do Arquivo Histórico Municipal de Ribeira destínanse 9.924,31 euros.

Unha axuda máxima de 30.000 euros

A axuda máxima por beneficiario é de 30.000 euros, que en ningún caso pode exceder do 90% do orzamento total do proxecto subvencionable. O importe pode ascender a 35.000 euros no caso de solicitudes conxuntas.

Entres as axudas concedidas destacan os 28.159,87 euros que acada o Concello de Cerceda-Cotobade para a adecuación da primeira planta do edificio multiúsos; ou os 20.355,49 euros para que o Concello de Xove acondicione a antiga vivenda da escola para usos culturais. Monterroso vai mellorar a accesibilidade do Espazo Lorenzo Varela cunha axuda de 18.006,78 euros e a biblioteca do Saviñao equiparase e terá melloras coa colaboración da subvención de 14.796,88 euros.

A resolución pode consultarse na web www.cultura.gal, así como na páxina do DOG https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180629/AnuncioG0164-200618-0001_gl.html.

Comparte