Evento: Exposición 'Fondos pétreos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense'

  • Fondos Pétreos
  • Fondos Pétreos
  • Fondos Pétreos
  • Fondos Pétreos
Exposición 'Fondos pétreos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense'
domingo, 1 novembro, 2020 a domingo, 28 febreiro, 2021
Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa
, San Amaro

Exposición 'Fondos pétreos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense'

Preséntanse nun lugar emblemático unido ao traballo de Florentino López Cuevillas, figura senlleira da Xeración Nós

O Museo Arqueolóxico de Ourense amosa unha selección da súa colección pétrea no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las.

Mentres avanzan a bo ritmo as obras de rehabilitación do Pazo do Bispo, sede do museo na praza Maior de Ourense, o museo amosará unha selección de pezas, moitas delas ata o de agora descoñecidas para o público que se conservaban neste edificio. Un traballo que, se ben comezou coa idea de expoñer estas pezas a modo de almacén visitable mentres se realizan as ditas obras, deu como resultado unha magnífica exposición.

 

Neste ano que se celebra o centenario da primeira publicación da revista NÓS, o museo quere chamar a atención sobre unha parte importante das coleccións do museo como son fondos pétreos de gran tamaño que aínda permanecían na antiga sede. Ademais, preséntanse nun lugar tan emblemático,  unido ao traballo de Florentino López Cuevillas, figura senlleira da xeración Nós, como é o xacemento de San Cibrán de Lás, hoxe Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa.

A exposición FONDOS PÉTREOS, conformada por 62 pezas distribuídas na sala de exposicións temporais do PACC, aborda seis grandes temas, dous dos cales teñen unha relación directa coa Romanización de Galicia. En primeiro lugar mediante nove aras ou altares de pedra consagrados a unha deidade incídese no tema da  relixiosidade na antiga Civitas Auriensis, mentres que once miliarios ou columnas de pedra que balizaban as estradas romanas correspondentes á actual provincia de Ourense, ao xeito dos marcos quilométricos actuais, nos sinalan como ademais de informar das distancias funcionaban, sobre todo, como obxectos de propaganda imperial de carácter monumental.

Un terceiro tema céntrase, mediante dezasete pezas, na difusión do Cristianismo desde a Tardoantigüidade ata a Idade Moderna tomando como referencia formas luxosas de sepultura  reservadas a persoas de certo nivel social e nas que o epitafio ten como fin darlle notoriedade ao finado e manter a súa permanencia no tempo.

Cun menor número de pezas abórdanse outros tres temas:  a arquitectura renacentista na cidade de Ourense a través das casas-pazo ou casas con patio, verdadeira representación  da grandeza e da posición social (trece pezas), algúns aspectos relativos á auga e a hixiene no Ourense moderno e contemporáneo (tres pezas) e, finalmente,  as reformas que se levan a cabo no antigo Pazo do Bispo de Ourense sobre todo a raíz do incendio se sufre no século XVII, pero onde non faltan os  elementos romanos e da tardoantigüidade que estaban presentes no seu solar (oito pezas).

FONDOS PÉTREOS

Sala de exposicións temporais do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa en San Cibrao de Las (Ourense).

Como chegar: https://pacc.es/es/organiza-a-tua-visita/como-chegar/

Horarios: 1 de novembro a 28 de febreiro: de 10:00 a 15:00 horas, de martes a domingo.

Servizo de visitas guiadas:   988 267 285 ou en reservas@pacc.es

 

 

Máis eventos de tipo Exposición

Cartel Crecer co mar
Crecer co mar. Os gozos e as sombras dunha vila mariñeira
6 de agosto a 30 de decembro
Museo Massó
Compostela Photo
1 de xullo
Varios espacios
Os nosos fondos
1 de xullo a 7 de febreiro
Museo Municipal de Ourense