Evento: Mapa de desexos de Luís Seoane

Mapa de desexos de Luís Seoane
xoves, 18 xullo, 2019 a domingo, 6 setembro, 2020
Fundación Luís Seoane,
A Coruña

Mapa de desexos de Luís Seoane

A complicidade co espectador, o establecemento de novas olladas ao redor da obra de arte e as diferentes maneiras de achegarse ao obxecto artístico son os eixos sobre os que se desenvolve Mapa de desexos de Luis Seoane, un proxecto que nace a comezos de 2019 co que se convidaba a unha serie de persoas relacionadas coa cultura, as artes plásticas, a docencia, o deporte, etc., a escoller unha obra pertencente ao legado da Fundación Luis Seoane e relacionala cunha idea ou co termo que esta lles suxira.

Unha maneira diferente de construír coñecemento que implica directamente ao espectador, ao obxecto/suxeito sometido a observación e á divulgación das obras de arte, liberándoas dunha visión curatorial ao uso, favorecendo deste xeito a espontaneidade do público á hora de achegarse a elas.

O resultado é esta exposición, baseada no criterio de máis de cen participantes que fixeron a súa elección entre preto de setecentas pezas entre óleos, gravados, carteis e debuxos de Luis Seoane, dando lugar a curiosas coincidencias ao escoller dúas persoas distintas a mesma obra e xerar termos diferentes, mesmo opostos ás veces, para definilas. A selección das 88 pezas que integran a mostra é froito dun comisariado colectivo no que se mesturan diferentes puntos de vista, que van desde un fondo coñecemento do significado do traballo de Seoane á súa convivencia con iconas contemporáneas, ou a súa asociación co eido profesionai ou as experiencias de cada un dos participantes.

Homenaje a la Torre de HérculesFinalmente, como excepción á regra establecida para a elaboración do proxecto, a exposición inclúe a curtametraxe de animación Homenaje a la Torre de Hércules, unha peza visual realizada por Esferobite no ano 2004 con motivo da mostra do mesmo nome dedicada ao célebre álbum de debuxos de Luis Seoane, deseñado polo tamén pintor e deseñador gráfico italiano Attilio Rossi, no que figuran unha serie de chaves na obra do artista galego que van desde o recordo do país abandonado á simboloxía dos distintos elementos que aparecen nel, que o contextualizan a nivel histórico e social. Coa incorporación desta curtametraxe, Silvia Longueira e Antón Lezcano, comisaria e coordinador do proxecto respectivamente, desean facer fincapé na importancia do faro romano no imaxinario de Luis Seoane, que observaba a súa luz desde a súa casa da Coruña, nun ano no que se celebra o décimo aniversario da declaración deste monumento histórico como Patrimonio da Humanidade. 

Máis eventos de tipo Exposición

O Vello Cárcere da Guerra á Posguerra
1 de xaneiro
O Vello Cárcere
Porta Miña
1 de xaneiro
Porta Miña
Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia
8 de novembro a 31 de maio
Lugar de la Ciudad de la Cultura