Evento: Alba de Gloria de Castelao. Unha experiencia
Alba de Gloria de Castelao. Unha experiencia
San Domingos de Bonaval abrirá as súas portas o vindeiro 7 de novembro para acoller a exposición Alba de Gloria, que recrea e explica o coñecido discurso de Castelao, o derradeiro que daría o célebre autor e intelectual de Rianxo na súa vida.
A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega e comisariada por Manuel Gago, pretende plasmar, dun xeito inédito en Galicia e empregando tecnoloxía innovadora, a alocución que Castelao pronunciou en 1948 en Bos Aires e que encerra en si mesma dous grandes valores: por unha banda, ser unha peza clave para a oratoria en lingua galega e, por outra, ser tamén unha alocución fundamental na traxectoria de Castelao, na que recrea unha especie de Santa Compaña galega ao enumerar as figuras relevantes que axudaron a configurar a cultura galega.
A exposición está aberta ata o 3 de febreiro.