Evento: Miña nai! Maternidades e crías no mundo animal
Miña nai! Maternidades e crías no mundo animal
«Miña nai! Maternidades e crías no mundo animal» é a nova exposición que poderá visitarse na Sede Afundación Santiago de Compostela do 7 de outubro de 2026 ao 6 de febreiro de 2027. A mostra, realizada coa colaboración de Lunwerg e comisariada por Fernando González Sitges, escritor, debuxante e realizador, propón un percorrido visual e divulgativo arredor da maternidade no reino animal.
A mostra reúne unha escolma de 45 fotografías que retratan outras tantas especies do mundo animal en escenas que abranguen desde o nacemento e a crianza ata a aprendizaxe e a emancipación.
Os singulares mecanismos que cada especie desenvolve para concibir, protexer e alimentar as súas crías revelan a extraordinaria diversidade e riqueza do mundo animal. Ao mesmo tempo, estas imaxes permiten descubrir sorprendentes paralelismos con especies que, a priori, poderiamos considerar moi afastadas da nosa.



