Evento: II CONCURSO FOTOGRÁFICO KÓSIMA LLAMAS : "VISIÓNS DUN INSTANTE"

II CONCURSO FOTOGRÁFICO KÓSIMA LLAMAS : "VISIÓNS DUN INSTANTE"
luns, 1 xuño, 2026 a mércores, 30 setembro, 2026
Biblioteca Pública de Lugo,
Lugo

II CONCURSO FOTOGRÁFICO KÓSIMA LLAMAS : "VISIÓNS DUN INSTANTE"

II CONCURSO FOTOGRÁFICO KÓSIMA LLAMAS

1. TEMA E FINALIDADE:

Na nosa primeira edición, procuramos capturar “un instante decisivo” — esa milésma de segundo onde o azar e a xeometría converxen — unha homenaxe directa a Henri Cartier-Bresson; este ano, queremos afondar na intención do observador. “Visións dun instante” parte da premisa de que toda fotografía é, en esencia, unha historia curta; o testemuño dunha testemuña que decide que este momento, e ningún outro, merece ser rescatado do esquecemento. É a paradoxa de atopar unha historia completa na brevidade dun pestanexo.

Nesta convocatoria, a mirada deixa de ser unha canle pasiva e convértese nunha ferramenta de expresión visual. Buscamos non só a perfección compositiva, senón tamén a mirada que revela o invisible, a capaz de ler entre liñas no cotián e extraer beleza do efémero. Este ano, o concurso invítate a contar unha historia en dous actos:

Primeiro, pedímosche que mires cara a fóra: trátase de capturar ese momento no que algo ocorre na túa contorna, capturando o movemento e a maxia do que se desenvolve no mundo xusto cando todas as pezas encaixan ante a túa cámara.

Despois, pedímosche mirar á persoa: a través dun retrato en branco e negro, buscamos un encontro íntimo co outro. Ao quitar a cor, eliminamos as distraccións para centrarnos no que de verdade importa: a expresión e a mirada. Nesta foto, o rostro convértese nun mapa honesto que nos conta, desde dentro, quen é a persoa que temos diante.

En definitiva, queremos premiar a capacidade de captar o contexto e a alma. Invitámoste a ser o cronista deses instantes que só existen cando unha mirada atenta decide deterse neles.

Kósima Llamas

2. A QUÉN VAI DIRIXIDO:

Para público en xeral maior de 18 anos

3. REQUISITOS:

Ser maior de idade.

Cada persoa só poderá enviar unha fotografía: ou ben, en cor (formato libre); ou ben retrato en branco e negro. Non se poderá concursar nas dúas modalidades.

As obras deben de ser orixinais e inéditas. As fotografías non poderán ser presentadas con anterioridade nin ser premiadas noutras convocatorias. A difusión e/o reprodución no marco do concurso non poderá lesionar a terceiros, asumindo persoalmente o autor ou autora calquera responsabilidade que puidese derivarse.

A participación presupón que os/as autores/as son os titulares dos dereitos de propiedade intelectual sobre as obras presentadas ao concurso e non cederon os dereitos destas a terceiros e ostentan en exclusividade os dereitos de autoría da imaxe, polo que queda eximida a organización do concurso de calquera conflito de publicación ou utilización das obras presentadas e dos que puidese derivarse.

4. FORMA DE PRESENTACIÓN:

As obras presentadas deben gardar o anonimato do seu autor/a e presentaranse baixo pseudónimo identificativo. Presentaranse montadas sobre foam board (cartón pluma) que permita a adecuada exposición da fotografía en caso de selección e en formato 20 x 30 cm.

Pola parte traseira da imaxe deberaeá facer constar: pseudónimo, título da obra, lugar e data de realización, así como técnica empregada.

Acompañará á fotografía un sobre pechado identificado co pseudónimo no que se incluirá:

  • Unha declaración asinada conforme a aceptación das presentes bases e de que a obra que se presenta a concurso é inédita e non foi premiada e que o autor ou autora ten, directa ou indirectamente, a libre disposición de todos os dereitos de explotación nas súas diferentes modalidades.
  • Declaración de que a difusión e/ou reprodución da obra presentada non lesiona a terceiros, asumindo persoalmente calquera responsabilidade que puidese derivarse.
  • Declaración xurada consonte se está ao corrente das obrigacións tributarias coa Axencia estatal de Administración Tributaria e fronte á Seguridade Social.
  • Datos persoais do autor/a: Nome, apelidos, DNI, teléfono de contacto e correo electrónico.
  • Non admitiranse imaxes de montaxes, nin de manipulación dixital nin intelixencia artificial.

5. LUGAR E PROCEDEMENTO DE ENTREGA:

Os traballos poderanse presentar na Biblioteca Pública Provincial de Lugo persoalmente ou por correo certificado en sobre pechado no que se deberá presentar toda a documentación citada na base anterior, facendo constar no remitente o pseudónimo empregado e na parte dianteira do sobre:

II CONCURSO FOTOGRÁFICO KÓSIMA LLAMAS: Biblioteca Pública de Lugo. Av. Ramón Ferreiro, 23. 27002 LUGO.

6. PRAZO DE PRESENTACIÓN:

O prazo de presentación de traballos comezará o 1 de Xuño e estará aberto ata o 30 de Setembro de 2026.

7. PREMIOS:

Establécense os seguintes premios:

Premio formato libre: 1.000 €

Premio Retrato branco e negro: 1.000 €

Tres accésits: un de 500 € e dous de 250 €

As fotografías premiadas pasarán a formar parte da colección Certame de fotografía Kósima Llamas.

8. XURADO:

A presidencia do xurado será asumida pola propia Kósima ou persoa na que delegue. O xurado estará composto por profesionais de recoñecido prestixio no ámbito cultural e no ámbito fotográfico.

Ao xurado correspóndelle deliberar, estimar e avaliar os traballos. A súa decisión será inapelábel, podendo declarar deserto algún premio ou todos, así como conceder algún accésit.

O xurado terá absoluta competencia para resolver calquera circunstancia non prevista nas presentes bases con absoluta autoridade.

9. DEREITOS DE AUTORÍA:

As obras gañadoras quedarán en propiedade da organización do concurso. Os/as gañadores/as cederán expresamente en exclusiva os dereitos de propiedade intelectual transmisibles da obra premiada, en especial os dereitos de explotación, incluíndo reprodución, comunicación pública e transformación. Para todo o mundo e no prazo máximo permitido pola normativa aplicable.

Neste sentido os autores/as renuncian, a favor da organización, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autoría.

A organización poderá facer uso das imaxes para difusión e divulgación do premio, facendo constar a autoría das obras e que son fotografías gañadoras do I CONCURSO FOTOGRÁFICO KÓSIMA LLAMAS.

10. EXPOSICIÓN E DEVOLUCIÓN DE OBRA:

Realizarase unha exposición cos traballos premiados e seleccionados na Biblioteca Pública Provincial de Lugo durante a segunda semana do mes de novembro. Transcorridos quince días desde clausúra da mostra aquelas fotografías que non fosen retiradas quedarán ao dispor da organización.

11. RESOLUCIÓN E ENTREGA DE PREMIOS:

A resolución do xurado farase pública nun prazo máximo de dous meses desde o final de prazo.

Os /as autores/as premiados/as comprométense a estar presentes no acto de entrega de premios.

12. ACEPTACIÓN DAS BASES E CÓDIGO ÉTICO:

A participación ao concurso supón a total aceptación destas bases. A organización estará facultada para dirimir calquera eventualidade non prevista e terá capacidade de interpretación a cuantos efectos proceda.

As fotografías non deberán vulnerar os dereitos das persoas á intimidade e á súa propia imaxe.

As fotografías con persoas identificabeis deberán ir acompañadas dunha carta asinada polas devanditas persoas autorizando o uso da súa imaxe ou na súa falta o autor ou autora da fotografía asume calquera tipo de responsabilidade con respecto a este tema.

 

Máis eventos de tipo Exposición

Made in China
Made in China
15 de xullo a 30 de xuño
Museo Etnolóxico de Ribadavia
Tabulae intellecti et mysterii
12 de decembro a 31 de xullo
Rúa de Santo Agostiño
Restitución das estatuas do Mestre Mateo
28 de decembro a 25 de xullo
San Domingos de Bonaval s/n
Siro
30 de xaneiro a 30 de xuño
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés