Evento: Acisclo Manzano. Bosquexos para Mateo
Acisclo Manzano. Bosquexos para Mateo
Unha obra neofigurativa de esculturas con formas humanas deconstruídas ou fragmentadas, tornadas, con incisións, buracos, incrustacións que reinterpretan o clásico dando lugar a unha vangarda de volumes no que o principal material é o barro sen esquecer os bosquexos no papel.
Acisclo Manzano é escultor e académico da Real Academia Galega de Belas Artes. Estudou na Escola de Formación Profesional Acelerada de Ourense e na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Foi membro do grupo “O Volter” de Ourense. Viaxou por Europa coñecendo a escultura clásica e as vangardas. Dende estas últimas, na década dos anos sesenta levou a cabo a renovación da escultura galega cunha visión mediterránea e atlántica. Durante a súa estancia en Eivissa entra en contacto coa Grecia clásica e cunha nova tipoloxía de barro.
Ten obras en espazos públicos e entidades como a Sede Afundación Santiago de Compostela, a Universidade de Santiago, a sede de Turgalicia, a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, o Concello de Ourense, o Museo da Deputación de Pontevedra, o Parlamento de Galicia, o Museo Diocesano de Santiago de Compostela e en multitude de sitios máis.
Recibiu a Medalla de Ouro da provincia de Ourense (2022), o Foro do Bo Burgo (2024), a Medalla Nacional Julio Antonio (1968) e o Premio Nacional de Escultura (1962 e 1968), entre outras honras.
Acisclo Manzano. Bosquexos para Mateo
Máis eventos de tipo Exposición



