Evento: XIX Festival internacional de música Pórtico do Paraíso

  • Travelling para unha arpa, conferencia de Manuel Vilas
XIX Festival internacional de música Pórtico do Paraíso
martes, 12 maio, 2026 - 20:00
Casa da Cultura, rúa Concello, 11,
Ourense

XIX Festival internacional de música Pórtico do Paraíso

Travelling para unha arpa, conferencia de Manuel Vilas

A presenza da arpa no cine prodúcese case desde o seu nacemento. Nesta peculiar charla, pintura, literatura, cine e música mestúranse tendo sempre a arpa como denominador común e fío condutor. Veremos e analizaremos escenas en que a presenza da arpa forma parte da linguaxe cinematográfica, escenas en que mesmo a presenza deste instrumento condiciona a planificación e posta en escena.

Poderemos observar desde as fantásticas reproducións de arpas exipcias que a Century Fox realizou para Sinuhé o Exipcio, ata a gran variedade de arpas de pedais aparecidas en infinidade de películas de moi diversa índole.

Así mesmo, trataremos a influencia que a antiga simboloxía do Rei David como arpista exerceu en diversas películas, o papel da arpa no cine de terror, falaremos de grandes directores de atrezo e mobiliario cinematográfico como creadores de moi diversos tipos de arpas, utilización de arpas reais dos séculos XVIII-XX en filmes, arpas fantásticas, etc. En definitiva, un paseo por 50 anos da historia do cine a través de aproximadamente 15 películas realizadas entre os anos 1913 e 1968 de produción estadounidense, francesa, española, italiana, danesa e alemá, en que este instrumento será o auténtico protagonista.

Manuel Vilas

Máis eventos de tipo Festival