Evento: Exposición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas
Exposición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas
Desde o 14 de novembro ata o 13 de decembro poderá verse no Museo do Pobo Galego a exposición dos proxectos gañadores da XIII edición dos premios Antonio Fraguas Fraguas: na categoría de ensino primario, o proxecto Viva o entroido vivo! Lingua, festa e comunidade, presentado conxuntamente polo CEIP Lamas de Abade, o CEIP Apóstolo Santiago (Santiago de Compostela) e o CEIP Pérez Viondi (A Estrada); e na de ensino secundario, A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela, do IES Monte Castelo (Burela).
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, promovido desde 2004 pola fundación homónima e patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pretende poñer en valor as pescudas sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico desenvolvidas no marco dos centros de ensino galegos.



