Evento: Peza do mes: Amuleto fálico. Campamento Aquae Querquennae

  • Portada da publicación da Peza do Mes de setembro do Museo Arqueolóxico de Ourense
Peza do mes: Amuleto fálico. Campamento Aquae Querquennae
luns, 1 setembro, 2025 a martes, 30 setembro, 2025
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense,
Ourense

Peza do mes: Amuleto fálico. Campamento Aquae Querquennae

Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes aos fondos do Museo

A presentación pública terá lugar o 10 de setembro ás 20:00 h, na sala de exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, dos arqueolóxicos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

Son moitas as pezas que foron recuperadas no contexto arqueolóxico do campamento militar romano de Aquae Querquennae -Porto Quintela (Bande, Ourense)-. Ao cumprirse o 50 aniversario do comezo das investigacións arqueolóxicas sistemáticas neste xacemento, elixiuse para presentar como «peza do mes» un obxecto atopado nos traballos realizados nel, que se caracteriza pola súa escaseza e singularidade no ámbito peninsular ibérico: un amuleto fálico de ámbar. En concreto, procede da escavación arqueolóxica de 2015 e foi atopado no tramo meridional da calzada interior (via sagularis) que discorre entre a muralla e os diferentes edificios do campamento. As súas características son as seguintes: materia e técnica: ámbar báltico tallado, puído e furado; datación: 74/75 d. C.–ca. 120 d. C.; dimensións: 17 mm (lonxitude) x 12 mm (anchura) x 67 mm (grosor). Pertence aos fondos do Museo co nº de inventario DX1271/9

O amuleto (amuletum) con forma de falo tiña uso persoal e portábase como colgante, cunha función profiláctica, e resulta un obxecto que aparece en varios asentamentos romanos. A peza caracterízase por posuír unhas dimensións exiguas, ter un peso insignificante e estar fabricada cunha materia prima orgánica singular, importada e custosa.

O feito de que a peza que aquí se analiza estea perfectamente catalogada e contextualizada outórgalle máis singularidade, pois non sempre é así. Tamén a análise técnica do material para certificar a súa morfoloxía e procedencia, o ámbar báltico.

A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible nesta ligazón do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características físicas, unha descrición máis pormenorizada, a reflexión sobre as súas funcionalidades, o contexto deste tipo de pezas e o material empregado, así como contexto arqueolóxico no que se levou a cabo o achado, nun estudio a cargo, neste caso, de Tomás Vega Avelaira.

Máis eventos de tipo Xornada/Congreso

Toponimízate 2025
12 de setembro
Museo do Mar
Os mitreos en ambientes domésticos
17 de setembro a 18 de setembro
Museo A Domus do Mitreo
IV Premio de Literatura Infantil Simbad para o recordo e o alzhéimer
17 de setembro
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Toponimízate 2025
19 de setembro
Auditorio Municipal