Evento: Botamos un Baile? Un século de orquestras en Galicia

Botamos un Baile? Un século de orquestras en Galicia
venres, 9 agosto, 2024 a domingo, 15 setembro, 2024
Biblioteca Pública de Ourense,
Ourense

Botamos un Baile? Un século de orquestras en Galicia

Exposición

O concepto de festa con verbena é algo ligado a Galicia dende hai séculos. Aínda que hai celebracións que tenden á defensa da tradición orixinal, o fenómeno da verbena está intimamente relacionado coa evolución da tecnoloxía, da sociedade e do consumo de música popular.

 

A emigración do pobo galego fixo das orquestras de verbena unha viaxe de tornavolta, enviando músicos ao estranxeiro e recibindo músicos, bailes e ritmos que chegarían a terras galegas nos anos 50 para ficar e fixarse á nosa identidade. Tendo como orixe as bandas de música, nas primeiras décadas do século XX, estas incorporan músicas bailables importadas de América coma o charlestón, o fox-trot, o jazz ou o tango. Pouco a pouco, integrantes de bandas de música constituíron en Galicia e nos países destino da emigración agrupacións especializadas en música bailable moderna, co nome de jazz bands ou orquestras, e desde a segunda metade do século XX inclúen no repertorio músicas como a cumbia, o merengue, o pasodobre, o rock, o pop e hoxe, ritmos coma o reggaeton.

 

Esta exposición, organizada e cedida pola Biblioteca de Galicia e que conta con Zósimo López Pena e Henrique Neira Pereira como comisarios, pretende achegarlles ás persoas que a visiten unha parte dos fondos desta institución da memoria, pouco ou nada tratados academicamente, aínda que cunha fonda pegada na sociedade galega. Un fondo pertencente ás orquestras que tocan dende hai mais dun século non só en Galicia senón chegando a países coma Venezuela, Arxentina, Marrocos, Francia, Suíza ou mesmo Xapón.

 

Estas formacións amenizaron eventos en prestixiosos casinos, salas de festas, programas de televisión e innumerables e necesarias festas en aldeas, vilas e cidades. Así ata chegar a hoxe, coñecidas como orquestras de verbena galega e convertidas no centro de espectáculos audiovisuais con clubs de fans, con xente nova nas comisións de festas, con escenarios móbiles, con repertorios actualizados continuamente. Nalgúns casos, o espectáculo parece que importa máis que o baile coma se se tratara dun Broadway rural, mais o primordial é que collamos parella e bailemos, así que... botamos un baile?

Máis eventos de tipo Exposición

Made in China
Made in China
15 de xullo a 30 de xuño
Museo Etnolóxico de Ribadavia
Tabulae intellecti et mysterii
12 de decembro a 31 de xullo
Rúa de Santo Agostiño
Restitución das estatuas do Mestre Mateo
28 de decembro a 25 de xullo
San Domingos de Bonaval s/n
Siro
30 de xaneiro a 30 de xuño
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés