Patrimonio: IDENTIDADE E TRADICIÓN

IDENTIDADE E TRADICIÓN

A cultura popular no Ano do Patrimonio

A cultura popular é, xunto co patrimonio artístico, protagonista do verán galego neste 2018, declarado Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Ler máis

Dentro dos numerosos elementos que definen a cultura popular galega hai varios tipos de edificacións, como as célebres pallozas de vilas como O Cebreiro ou o Piornedo. En moitas localidades galegas hai construcións típicas como os hórreos, que salpican todo o territorio, palcos de música, lavadoiros, muíños ou pendellos. Ou os cruceiros, que remiten a outro dos elementos da nosa cultura popular: a mestura de relixiosidade e supersticións.

Moitos lugares en Galicia permanecen como testemuñas desta hibridación, na que se integra a sempre presente natureza da terra. As pedras de abalar e dos cadrís de Muxía, coa igrexa da Virxe da Barca ao fondo, a cama de pedra da ermida de San Guillerme, Santo Andrés de Teixido ou a praia da Lanzada son algúns dos centros desta versión da cultura popular levada ás crenzas.

As festividades asociadas a estes e outros lugares e santos, milagreiros ou non, funcionan como boas mostras da cultura popular. Romarías amenizadas con instrumentos tan asociados á música galega como a pandeireta, o tambor ou a omnipresente gaita, e que dan cabida á artesanía, como a olería, a ourivería ou aquelas en Camariñas coas palilleiras. Estas festas recoñecen o traballo no mar, coa Virxe do Carme celebrando a mariñeiros e mariscadoras, ou na terra, co magosto, a vendima ou os maios seguindo o calendario da colleita.

Tamén hai nesta axenda festiva datas asociadas a outros eventos do ano, como o entroido e as súas múltiples manifestacións polo territorio galego, o San Xoán coas súas herbas ou o Nadal, no que os máis pequenos da casa agardan ao Apalpador. As romarías e os mercados eran, nalgúns casos seguen sendo, centros de aprovisionamento nos que atopar desde apeiros de labranza e gando ata elementos da vestimenta, como as zocas.

Edificacións e festas, traballos e tradicións, música; todo isto conforma a paisaxe da cultura popular de Galicia, a que se celebra no mes de xullo e que é parte indispensable da nosa identidade. Unha parte importante desta memoria consérvase nos arquivos de xestión autonómica, que están a celebrar nas redes, coa difusión de numerosas fotografías, o mes da cultura popular.

Imaxes de Galiciana e redes dos arquivos.