Ano Europeo do Patrimonio Cultural 2018

2018 é o ano para celebrar e poñer en valor o patrimonio cultural. En maio de 2017, o Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea aprobaban declarar 2018 como o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, para así fomentar o intercambio e a valoración do patrimonio cultural da rexión, sensibilizar sobre a historia e os valores comúns e reforzar o sentimento de pertenza á alianza de países.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é a responsable en Galicia dun programa de actividades que conmemorará o ano na comunidade. En total, serán máis de 300 actividades baixo o lema Somos patrimonio dirixidas a todos os públicos, con actos divulgativos, xornadas de portas abertas nos museos e arquivos, obradoiros, exposicións actuacións en bens patrimoniais etc.

Un mes, un patrimonio

A programación tamén busca poñer en valor a diversidade do patrimonio cultural. Con este fin, cada mes está centrado por tanto nun aspecto concreto e diferenciado do patrimonio cultural.

Así, xaneiro é o mes do patrimonio documental e bibliográfico, febreiro o da Ribeira Sacra, marzo o do patrimonio catedralicio e monástico, abril o da candidatura a Patrimonio da Humanidade das Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas, maio o da arqueoloxía, xuño o dos Camiños de Santiago, xullo o da cultura popular, agosto o do patrimonio artístico, setembro o da relación entre patrimonio e xuventude e outubro céntrase no patrimonio dixital.

O calendario tamén se apoia nalgunhas das datas de celebración do patrimonio cultural que se repiten cada ano e así, e coincidindo co xa tradicional Mes da Ciencia en Galego, novembro será o mes do patrimonio científico e tecnolóxico. O Ano Europeo do Patrimonio Cultural 2018 péchase en decembro centrándose no patrimonio na escola e na importancia de difundir o valor do legado das xeracións previas entre os máis novos.

 

Documentos relacionados