Artes escénicas e musicais

Un dos obxectivos prioritarios da Xunta de Galicia é o fortalecemento dunha oferta cultural galega no conxunto do territorio, nun sentido amplo e plural, capaz de chegar a novos públicos e aberta ao diálogo con outras realidades culturais.

No ámbito das industrias culturais, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é o organismo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria encargado do impulso e consolidación do tecido empresarial cultural galego, para lle outorgar estabilidade ao sector, optimizar a xestión empresarial nos procesos de produción e distribución, dinamizar o mercado interior e promover a proxección exterior da cultura galega. Agadic conta con dous centros de produción públicos: o Centro Dramático Galego, no ámbito teatral, e o Centro Coreográfico Galego, para a danza. Conta tamén cun grupo de música tradicional. No ámbito audiovisual, depende desta axencia o Centro Galego de Artes da Imaxe.

Na programación da consellería, a promoción da actividade escénica e musical ten no seu espazo central o apoio á innovación e á creatividade actual, cunha especial atención a favorecer pontes estables cos centros de formación dos futuros profesionais das artes escénicas e musicais, así como canles permanentes de cooperación con outras administracións e entidades que permitan novas vías de desenvolvemento da nosa cultura.