Nova: O secretario xeral de Cultura destaca o apoio da Xunta a certames como o ‘Xosé M. López Ardeiro’, que impulsan a produción literaria en galego

19/05/2022

O secretario xeral de Cultura destaca o apoio da Xunta a certames como o ‘Xosé M. López Ardeiro’, que impulsan a produción literaria en galego

Sinala a oportunidade que estas iniciativas supoñen tanto para os novos creadores como para os escritores xa consolidados

O prazo de presentación de propostas para a próxima edición estará aberto entre o 26 de xullo e o 1 de decembro

Negreira (A Coruña), 19 de maio de 2022 O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación de Furtivas, obra gañadora da X edición do Premio de Poesía Xose M. López Ardeiro, onde destacou o apoio da Xunta de Galicia “a este e outros certames que impulsan a produción literaria en galego”.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo en valor a aposta das administracións locais por este tipo de iniciativas, “grazas ás que saen do prelo as obras de moitos novos creadores e que contribúen a consolidar a carreira de moitos outros”. A este respecto, Anxo M. Lorenzo quixo tamén ter un recordo para o finado Domingo Villar, “cuxo traballo tamén foi recoñecido cun galardón impulsado desde unha entidade local, neste caso de Boborás, en concreto o Premio Antón Losada Diéguez 2010”.

“Esta iniciativa –engadiu o secretario xeral– constitúe ademais unha homenaxe ao poeta nicrariense Xosé M. López Ardeiro, cuxa frutífera obra pervive a través deste certame e das propostas que a el se presentaron nestas 10 edicións”.

Nado en Cee en 1968, Rafa Vilar é filólogo e escritor. Vinculado ao asociacionismo cultural de base, foi un dos promotores do Batallón Literario da Costa da Morte e máis da colección de poesía Letras de Cal. Furtivas,composta por 70 poemas, foi a obra seleccionada polo xurado como gañadora do premio, entre os 32 poemarios presentados a esta edición. O galardón consiste nunha dotación económica 2.500 euros e a edición do libro.

Na presentación participaron, ademais do propio autor e do secretario xeral de Cultura, a tenente de alcalde de Negreira, Mar García Vidal, e o novelista Xosé Antonio Ponte Far.

XI edición

No transcurso do acto presentouse a XI edición do Premio de Poesía Xose M. López Ardeiro, cuxo prazo de presentación de propostas estará aberto desde o 26 de xullo ao 1 de decembro de 2022. Poderán participar as obras poéticas escritas en lingua galega, orixinais e inéditas, cunha extensión de entre 350 e 700 versos como máximo.

Comparte