Nova: A Xunta amplía en máis dun 50% a contía da primeira liña de axudas á internacionalización de galerías de arte

10/12/2019

A Xunta amplía en máis dun 50% a contía da primeira liña de axudas á internacionalización de galerías de arte

O Diario Oficial de Galicia publica a ampliación de crédito para que estes centros participen en feiras e mercados artísticos fóra da Comunidade

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2019.- A Xunta amplía ata os 46.000 euros a contía da primeira liña de axudas ás galerías de arte para a súa participación en feiras e mercados artísticos fóra da Comunidade. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta ampliación en máis dun 50% da contía da primeira subvención específica para este tipo de proxección, dotada inicialmente con 30.000 euros.

A través desta medida, o Goberno galego amosa por unha banda o seu apoio a arte contemporánea a través do traballo destes centros, ao tempo que reitera o seu apoio á internacionalización da proxección exterior da cultura galega.

As galerías de arte constitúen un sector fundamental e contribúen a promover e difundir novos valores artísticos, tanto no resto de España como no estranxeiro máis alá da súa actividade comercial. Este labor de promoción realízano principalmente a través das feiras de arte, motivo polo cal a Administración autonómica puxo a disposición estas axudas.

Tal e como recolleu a convocatoria publicada o pasado mes de outubro no DOG, puideron solicitar estas subvencións as persoas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais de carácter privado, titulares de galerías de arte, que desenvolvan as súas actividades no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan asistido e participado nunha feira ou mercado de arte fóra da Comunidade entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2019.

No caso de asistencia e participación en feiras en España (fóra de Galicia) a axuda prevista é, como máximo, de 2000 euros. A participación en feiras fóra de España subvencionarase cun máximo de 4000 euros. Cómpre destacar que cada galería de arte poderá presentar dúas solicitudes de subvención.

Comparte