Nova: Ofrenda floral a Valle-Inclán nas XXI Xornadas de Homenaxe ao autor
06/11/2019
Ofrenda floral a Valle-Inclán nas XXI Xornadas de Homenaxe ao autor
Anxo M. Lorenzo participa na ofrenda floral das XXI Xornadas de Homenaxe Valle-Inclán
No acto, organizado polo Museo Valle-Inclán en colaboración coa Xunta de Galicia, plantouse unha camelia japónica e realizouse unha breve lectura sobre as referencias que o escritor fai a esta especie botánica nas súas obras
A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 6 de novembro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na ofrenda cívica celebrada en homenaxe a Ramón María del Valle-Inclán nos xardíns que levan o seu nome. O acto enmárcase nas XXI Xornadas de Homenaxe ao escritor galego organizadas polo Museo Valle-Inclán en colaboración coa Xunta de Galicia.
Este é un dos actos máis significativos da programación e incluíu a plantación dunha camelia japónica na honra do creador do esperpento, así como unha breve lectura sobre as referencias que o escritor fai a esta especie botánica nas súas obras.
Anxo M. Lorenzo destacou a diversidade das propostas que ofrecen estas xornadas que comezaron o pasado mes de outubro e incluíron presentacións de publicacións, obras de teatro ou concertos. A programación continúa neste mes de novembro co faladoiro a cargo de Xaquín del Valle-Inclán Alsina e coa presentación da ficción en galego O meu bisavó, cuxo relato ten lugar na torre de Bermúdez.