Nova: O sector cinematrográfico dáse cita na 24ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense

27/09/2019

O sector cinematrográfico dáse cita na 24ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta na provincia, Marisol Díaz, asistiron á apertura do evento que se desenvolverá ata o 5 de outubro

Proxectaranse longametraxes premiadas en prestixiosos festivais internacionais

 

  • Festival de Cine Internacional de Ourense Festival de Cine Internacional de Ourense

Ourense, 27 de setembro de 2019.- O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, asistiron á apertura da 24ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) que se desenvolverá ata o vindeiro 5 de outubro e que conta co apoio da Xunta de Galicia.

Un ano máis, o OUFF preséntase como un punto de encontro entre afeccionados e profesionais do sector e como un festival referencial desde a perspectiva cultural, pola súa extensa programación, e tamén desde a perspectiva turística xa que exerce como dinamizador socioeconómico da cidade.

Un total de 15 películas, das que tres participan fóra de concurso, compoñen a sección oficial que nesta edición conta con máis presenza española ca nunca grazas á participación de filmes como O que arde, La hija de un ladrón e El doble más quince. Ademais, a sección oficial do OUFF levará a Ourense longametraxes premiadas en prestixiosos festivais internacionais e dirixidas por Alejandro Landes, Gael García Bernal, Oliver Laxe ou Bong Joon-Ho.

O evento tamén albergará a segunda edición do OUFF en Curto, o certame de curtametraxes que este ano recibe o dobre de aspirantes que na pasada convocatoria con preto dun cento de traballos inscritos para participar no concurso. Ademais de pola concorrencia, o OUFF en Curto destaca tamén pola calidade dos traballos presentados.

Cómpre destacar que OUFF levará a cabo por primeira vez a iniciativa Viaxe de cine por Ourense, mediante a cal daranse a coñecer os escenarios da cidade que serviron de set de rodaxe para diferentes películas.

 

Comparte